Máis de 20 persoas déronse cita o pasado martes día 26 na casa do concello de Val do Dubra para recibir unha nova ruta que pasará ao catálogo de andainas que se percorrerán dentro da programación de Senda Nova.
O traballo, realizado durante os pasados meses por David Casais, presentouse na capital dubresa cun interese veciñal ben visible. E é que a propia veciñanza participou do proxecto, con aportación diferenciadas e continuadas no mesmo.
David Casais resaltou na presentación o intenso volume de paradas de interese dun itinerario circular que camiña integramente pola parroquia de Niveiro, ben dividida entre a campá abaixo e campá arriba.
No percorrido destaca un variado patrimonio presente mesmo no nome do itinerario. O Camiño das ermidas, muíños e soutos de Niveiro é o nome dunha senda duns 15 km e dificultade sinxela, que se mestura no rural galego no propio encrave da depresión meridiana. Entre os lugares máis destacados atópase a igrexa parroquial ou tamén as capelas de San Lourenzo ou Santo Antón. Entre o patrimonio etnográfico destacan os muíños da agra da Regueira ou de Pulleiro e como representantes castrexos inclúese o castro de Niveiro.
PERCORRESE O VINDEIRO DOMINGO DÍA 1
O vindeiro domingo día 1, dende a programación do 13 OUTONO EN MARCHA, abriremos este itinerario nunha actividade interpretativa e organizada onde, ademais do autor do traballo, participará numeroso público local e os guías habituais das andainas que tamén intentarán descifrar o patrimonio da parroquia de Niveiro.
Info e apuntamentos: sendanova@hotmail.com T 696155232