Punto e seguido para a Escola Ambiental

Punto e seguido para a Escola Ambiental

ESCOLA AMBIENTAL 20-21 CLAUSURA

ESCOLA AMBIENTAL 20-21 CLAUSURA

 

 

O Espazo da Natureza de Oza arroupou aos nenos e nenas que culminaron outra edición máis desta ESCOLA AMBIENTAL DE SENDA NOVA-CONCELLO DE CARBALLO.

Nesta clausura desta edición 20-21 asistiron tamén as familias dunha rapazada que no día de onte foi a auténtica protagonista neste último sábado dos case 30 que durou o periplo por oito continuados meses de proxecto.

Para este último día, as dinámicas centráronse na montaxe e desmontaxe de tendas de campaña, unha das accións preferida pola rapazada da Escola. A sesión estivo acompañada por unha reportaxe fotográfica coas máis representativas fotos de todo un ano de actividades que, ademais das sesións de aula e o traballo na horta do ENO, tiveron lugar por toda a bisbarra.
Sendeirismo, obradoiros de pegadas, de orientación, colocación de cámaras de fototrampeo, pernoctas e a visita a lugares de interese como Baldaio, o río Anllóns, Oza, Ardaña, Artes, Razo… Ademais de diversas saídas ao Bosque da Ribeira da Pena, convertido desta volta na mellor aula de aprendizaxe.

No punto e final deste percorrido estivo presente Maruxa Suárez Cotelo, concelleira de normalización e festas do Concello de Carballo, entidade que ven apostando dende un principio  e dun xeito decidido por este proxecto.

Ademais doutros representantes municipais e da propia entidade, acompañaron á rapazada os seus proxenitores, asistindo á entrega de diplomas e a un sorteo de importantes agasallos que se alongou ata entregar máis de 20 premios repartidos entre libros  de natureza e de patrimonio, material para as saídas e prendas de roupa da entidade axeitadas para as saídas ao medio.

Agradecementos a todxs xs presentes e a cantas persoas poñedes día a día para o conxunto do proxecto que é esta asociación.

Grazas ao Concello de Carballo por apostar por esta iniciativa e ás familias e rapazada por marcar en negriña o camiño andado.

Vémonos en outubro.

 

Clausura 8º Escola Ambiental

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank