Co mes de maio chega o final dunha 7º edición do programa máis antigo de Senda Nova.
Atrás quedaron 126 quilómetros que enlazaron o patrimonio ambiental, cultural e paisaxístico das comarcas de Bergantiños, Soneira e Ordes a través de máis de 150 paradas interpretativas de coñecemento e posta en valor de castros, mámoas, pontes, pazos… e innumerables tesouros espallados polo valeroso chan da Costa da Morte.
Andainas na confluencia das comarcas de Bergantiños e Soneira como Coristanco Histórico, cunha boa morea de paradas interpretativas, incluso en museos como o de Asunción Antelo. Unha ruta de interior cargada de esforzo físico polos desniveis e a lama do camiño e tamén de historia en cada curva do camiño mostrada nas torres de Nogueira, minas de wolframio ou petóns como o de Ferreira.
Empapándonos de patrimonio megalítico en Cabana de Bergantiños coa Rutas das Mámoas. Un itinerario que tamén nos ofrece lugares espectaculares como o pozo da Orca.
Marchas a carón da costa bergantiñá máis agreste, pola própia Costa Agreste de Cerqueda e Cambre, visitando lugares espectaculares dende o punto de vista paisaxístico como a Devesa dos Conventos, muíños de Riveira, praia do Riás…e tamén de interese cultural como o castro da Croa de Cerqueda ou o Pazo de Loroxo.
Percorremos os Camiños de Caión, nunha das rutas que, con Coristanco Histórico, máis participantes gozaron. Case medio cento de persoas camiñaron pola parroquia larachesa e polo territorio que dependíu durante moitos anos da vila mariñeira. Unha viaxe polos camiños dos pelegríns, polo son das ondas e polo patrimonio histórico que garda Caión.
Camiñamos na comarca de Ordes pola Forza do Río Chonia. Paraxes espectaculares onde se mesturan perfectamene a vexetación de riveira, o forte son do curso baixo do Chonia, batáns, muíños e a beleza de Pazos como o de Restande ou a historia de lugares como Lestrove.
E no país dos mil ríos, Ríos de Sofán. Un deseño a través da lama de zonas inundables, dos máis de 20 muíños que divisamos, de castros como o de Periscal ou Guntián…de fábricas onde o tempo se detivo como o curtidoiro de Tarambollo. Mesmo covas sen explorar. 22 quilómetros de persoalidade propia que nos abren paso á última das andainas.
O SON DO ANLLÓNS ía ser a ruta que abrira o programa e que non puido celebrarse polo desbordamento do río de Bergantiños. Dende a própia parroquia de Sísamo e na presentación deste proxecto que agora remata, quixemos seguir poñendo en valor o cauce fluvial máis importante de Bergantiños dende unha parroquia tan achegada a el. Percorrer este tramo do domingo é moi importante, tanto como o traballo que seguimos a realizar para intentar que este tramo sexa o punto de inicio para un percorrido polos máis de 50 quilómetros de cauce total. Neso estamos e neso seguimos.
O domingo pecharemos unha nova edición deste escaneo do territorio a través de traballo, ilusión, interpretación e case 400 participacións ata o de agora.
O Anllóns será o finpra seguir, para seguir co seu legado.