Día do Medioambiente 2025
Dende a Asociación Ambiental Senda Nova queremos levar a reivindicación do Día do Medioambiente ao domingo 8 de xuño e nun lugar moi especial: a feira de Carballo.
Dende este lugar que representou tanto para o agro bergantiñá, queremos denunciar a falta de contido dun día tan especial en tantas e tantas celebracións espalladas pola nosa contorna.
O medioambiente non debe de ser unha palabra falta de contido nin unha marca turística. O medioambiente está falto de reivindicacións e farto de celebracións festivas, amosando en moitas ocasións desfeitas no propio medio que din reivindicar.
Desfeitas na biodiversidade, no patrimonio e na paisaxe a través de proxectos subvencionados en moitas ocasións a través de lineas medioambientais.
As nomeadas “enerxías verdes” envoltas en macroproxectos eólicos que volven presa a nosa paisaxe, que dinamitan mananciais de auga das aldeas e enchen de ruído e chatarra os nosos montes.
O medioambiente necesita días de loita e revindicación, de unión veciñal a prol da terra e da auga dos mananciais.
Dende Senda Nova facemos un chamamento á veciñanza de que tome conciencia do que realmente é o medioambiente, que nada ten que ver cun xardín urbano senón coa biodiversidade nuns humidais cada ven en peor estado, un bosque autóctono sen protección na nosa contorna e unhas áreas fluviais que están sendo destino de pasarelas turísticas e camiños de entullo e zahorra.
O medio ambiente tamén é a protección de patrimonio megalítico e castrexo. Dos cruceiros, das pontes e do resto de patrimonio relixioso, así como arquitectura civil, que periga con mortes lentas e cunha obra pública rural que non ten en conta a paisaxe das nosas aldeas, nin a historia plasmada nos muros de pedra. Mesmo no urbano, edificios únicos como o Casino de Carballo, piden a gritos seguir en pe.
ACTIVIDADES DÍA DO MEDIOAMBIENTE
Aproveitaremos un espazo emblemático para o agro bergantiñá, como é a Feira de Carballo do próximo domingo, para facer visible o medioambiente con todas as letras. Para facer deste día un día de loita polo medio a través da rapazada da Escola Ambiental, que venderán os produtos que, con agarimo e dun xeito ecolóxico, cultivaron nas instalacións do Espazo da Natureza de Oza.
Grazas aos que nos visiten intentaremos dar unha nova vida a libros vellos, que acollemos na nosa bliblioteca. E tamén repartiremos as interesantes guías de árbores autóctonos, realizadas a través do programa Espías no Bosque.
Agardámosvos o domingo.