Nunca unha brisa tan agradable nos recibira no alto de Pico de Meda. A dura subida dende a Férveda do Rabiñoso compensouse cos momentos agradables no balcón dos balcóns, o alto dos 466 metros dende onde Domingo Fontán realizou parte do primeiro mapa científico de Galicia.
O círculo que podemos realizar coa vista dende o monte de Zas é completo. As paradas contínuas para que Evarísto Dominguez Rial nos vaia descifrando montañas, aldeas e vilas. O historiador de Zas, aquí máis aínda que en ningún sitio, mantén unha conexión co territorio e a historia que nos segue a neutralizar aos que desfrutamos coas súas explicacións.
Deste xeito, o grupo de participantes foi vendo en ángulo e dende o alto, o territorio que tiñamos pendente para o día.
Dúas mámoas, dous castros, e os restos de torres medievais e asentamentos romanos son segredos que se esconden nas parroquias de Gándara e Carreira. Esta parte do concello de Zas alberga un impoñente volume de megalitos. Multitude de mámoas espalladas en plantacións de eucaliptos e moi poucas coa consideración necesaria.
Aínda así, a parada máis interesante xestouse despois dun longo bocadillo ao abrigo dun calor abafante.
O Museo do Liño de Carreira é unha parada cultural, social de de pulo asociativo. A Asociación de Veciños O Santiaguiño de Carreira segue a amosar esforzo e traballo polas paredes dun local social que rehabilitaron a cando o xeito de traballar o liño. A entidade traballa dende fai tempo de xeito transversal no monte comunal, no coidado dos cabalos en liberdade e tamén na realización de obras colosais como a praia fluvial ou o propio museo, rescatando unha casa en ruinas para recompoñela como taberna e museo. Este último con pezas realmente fascinantes. Teares e utensilios que nos removen unha evolución do proceso de elaboración das pezas de tea dende a propia plantación da herba.
E aquí, moi cerquiña do museo, remataron 12 anos de Primavera en Ruta. Fixérono con case 300 participacións en 8 andainas que supuxeron máis de 150 paradas para descifrar o patrimonio de Bergantiños, Soneira e Ordes. Recorridos cheos de agarimo para achegarnos aos segredos que aínda hoxe seguen escondidos.
Tempo de agradecer a cantos persoeiros e entidades nos reciben cos brazos abertos e verbas de coñecemento.
Agradecer a voluntarias e voluntarios da asociación por todo o pulo nunha edición que houbo que redobrar esforzos para sacar as andainas adiante co panorama que temos.
Agradecementos tamén aos Concellos de Carballo, A Laracha, Coristanco, Malpica de Bergantiños e Zas por seguir entendendo a mensaxe e contribuír cun apoio fundamental. Como non a Protección Civil de Carballo pola sempre desinteresada aportación co proxecto.
Rematamos coas mesmas ganas que comezamos. Co ánimo de seguir nesta ruta de primaveras polo patrimonio da Costa da Morte.