Este pasado venres, remataban na parroquia de Oza as Semanas de Natureza e Paisaxe, que dende a asociación vimos realizando dende o mes de Abril. Foi nun obradoiro de observación e convivencia, no cal uns 15 rapaces e rapazas xunto cos voluntarios/as da entidade, compartimos horas de xogo, diversión, convivencia e superación.
Dende as 19:00 horas, os participantes, cargados co seu material para pasar a noite e sobre todo, cargados de ilusión, deron comezo a unha sesión chea de xogos e dinámicas, na cal aprenderon tamén a utilizar e montar material de sendeirismo e montaña, material para pernoctar fora, e se prepararon e mentalizaron para pasar todos xuntos unha noite chea de emocións e novas experiencias.
Xusto antes do anoitecer comezaron a montar as suas tendas vivac, e a preparar os seus sacos de durmir, esterillas e demais, para que, cando fora hora de deitarse, estivese todo preparado.
Sobre as 22:30 horas dispuxéronse a cear todos xuntos ao redor dunha luz de gas, compartindo as ricas comidas que os seus pais e nais lles prepararan durante o día. Unha auténtica clase de convivencia e de bo facer a que nos deron os máis pequenos.
Despois de cear, aproveitamos para inspeccionar a zona, facendo unha pequena camiñada de uns 25 minutos. Cos frontais e lanternas apagados, percorremos antigas corredoiras e camiños polo medio do monte, e démonos conta de como a nosa vista se acostuma á escuridade e que realmente non había por que ter medo. Paxaros piando na noite, estrelas fugaces, o ruxir do vento movendo as follas das árbores, lucecús, un auténtico paraíso moi preto das casas, que puidemos descubrir grazas a escuridade e o silencio da noite.
Despois de rematar a pequena excursión aos arredores da zona de pernocta, fomos todos para as nosas tendas, nas cales os participantes máis grandes coidaron dos máis pequenos, e como non, aproveitaron para falar e compartir momentos de diversión.
Ao día seguinte, xusto despois do amencer, recollemos todos xuntos o campamento, e preparamos o almorzo. Mentres disfrutábamos dun vasiño de leite quente e de outras lambonadas, aproveitamos para falar e compartir a nosa opinión sobre a actividade, a nosa experiencia, e así sacar as conclusións da mesma e seguir aprendendo e mellorando.
Sobre as 10:00 h. demos por terminado o obradoiro, e por tanto, finalizaba así, a primeira edición das Semanas de Natureza e Paisaxe ,que naceu e se levou a cabo grazas á colaboración de moitos socios/as e colaboradores/as da entidade, que nos ofreceron as súas ideas e a súa colaboración, para desta forma, sacar adiante actividades tan interesantes como o Obradoiro de Bioconstrucción de Elena e Roberto, o achegamento á apicultura de man de AGA, a iniciación á fotografía paisaxística con Patricia, e as actividades que realizaron os voluntarios/as da entidade como a charla de Herbas mediciñais cos alumnos/as do CEIP Bergantiños, a saída ornitolóxica cos alumnos do CEIP Bormoio-Agualada, e o Obradoiro de Observación e convivencia co que pechamos o programa de actividades.
Agradecer, unha vez máis, a todas as persoas que fixeron posible que este programa saíse adiante, participantes,pais, nais, colaboradores/as, socios e socias, e voluntarios e voluntarias da asociación, sen este encaixe de bolillos, non sería posible realizar nin estas, nin todas as outras actividades. Grazas.