Ribeira da Pena. Último berro.

Ribeira da Pena. Último berro.

O bosque da Ribeira da Pena está esgotado de berrar e de pedir auxilio, estamos ante unha das poucas masas de bosque autóctono da zona, e ata o de agora, das mellores conservadas, que dende fai uns anos ven a sufrir auténticos puñais na súa ecoloxía.

Hoxe, unha vez máis, achegámonos a este importante espazo na primeira actividade das Xornadas de Interpretación dos Bosques que estamos a realizar durante este mes de marzo. Que teñen como obxectivo coñecer e achegarnos a importancia do noso bosque atlántico e as problemáticas que están a sufrir as masas de bosque autóconto que temos no noso entorno máis achegado. E xa é unha costume e unha constante atopar auténticos navallazos na ecoloxía deste espazo, e velo máis e máis degradado ano tras ano, e visita tras visita. 

Este máxico bosque, que supón un perfecto e fermoso refuxio para centos de animais e de especies vexetais moi interesantes grazas ao seu estado de conservación, atópase no límite dos concellos de Carballo, Cerceda e Tordoia e estaba formado por unhas 80 hectáreas de bosque autóctono,  falamos en tempo pasado, xa que cada vez esta superficie vese reducida debido as talas indiscriminadas de vexetación autócona e a plantación e proliferación de especies como o eucalipto, acacia etc

Nas zonas mellor conservadas deste espazo atopamos especies vexetais propias do bosque atlántico como os castiñeiros ou as abeleiras, que lle dan nome ao pequeno pero brincador río que o vertebra. Nas súas ladeiras podemos observar altas árbores autóctonas que pelexan por medrar máis que as súas compañeiras na longa batalla pola luz, pola vida… Están recubertas de mofos e liquens que lle dan ao bosque un aspecto único.

Estamos pois ante unha fonte de vida, un auténtico acubillo para centos de especies animais e vexetais que atopan nel o lugar idóneo para vivir e crear un ecosistema rico e perfectamente pechado.

Máis o certo é que cada vez está a sufrir máis ameazas e maltratos. Deteriorándose a gran velocidade.

Dende Senda Nova son moitos xa os anos que o levamos percorrendo, querendoo, sentindoo como propio e sobre todo sentíndonos coa obriga e a responsabilidade de respetalo e poñelo en valor para que accións como as que se están a levar a cabo nestos momentos nel, non ocorran.

Ano tras ano realizamos actividades para mostrarlle as persoas máis novas, e as máis maiores o tesouro que temos ben preto das nosas casas, e así entre todas poñelo en valor. É por isto, que podemos comprobar con cada visita, con cada actividade, os cambios que nel se van producindo…

Visita tras visita imos observando a degradación inminente deste lugar, e como a vexetación autóctona vai desaparecendo e no seu lugar comezan a plantarse e instalarse especies invasoras e foraneas como as acacias e sobre todo os eucaliptos, chegando incluso a non respetarse a lei e cortando a vexetación de ribeira para plantar ata a beira do río diferentes variedades destas árbores. Isto complica día a día a superviviencia das nosas especies vexetais e animais.

Estamos ante unha situación crítica debida a unha serie de accións que están a facer perigar a supervivencia deste bosque. Este tipo de conductas non afectan soamente a nosa ecoloxía, se non tamén a nosa cultura e a nosa historia, pois as antiquísimas corredoiras e camiños que tanto traballo e esforzo lles costou facer aos nosos antergos, son destruidas sen nengún escrúpulo para poder chegar con maquinaria pesada ata o mesmo corazón do bosque. Deixando ao seu paso deceas de árbores tiradas que nunca máis serán recollidas, corredoiras destruidas, pistas anchas e un regueiro de magoa por todas as especies vexetais e animais as que lle destruimos pouco a pouco e día a día o seu hábitat, a súa casa, o seu refuxio. 

Nos comezos das actividades da entidade neste espazo, todo era ledicia por volver a Ribeira da Pena, por volver a ver e gozar dese espazo , que parece estar afastado de todos os lugares coñecidos. Máis nos últimos anos o medo e a incertidumbre fannos cavilar antes de cada visita, sobre o que nos atoparemos desta vez, e cales serán as zonas que achemos destrozadas e maltratadas.

É por isto que hoxe máis que nunca precisámoste, precisamos espallar esta información, precisamos seguir traballando na concienciación e na educación ambiental. Reafirmámonos na importancia de seguir traballando, loitando e levando a cabo proxectos e actividades como estas “Xornadas dos Bosques” que vimos a celebrar un ano máis e que permiten que nenos e maiores tomemos conciencia e coñezamos espazos de gran interés ecolóxico como a Ribeira da Pena, ou outros espazos que vamos visitar nas vindeiras actividades destas xornadas como a masa autóctona que atopamos ao redor do río Bardoso na Laracha, ou o Bosque da Berbia en Entrecruces, entre outros, a través destas camiñatas interpretativas, como a de hoxe, na que máis de 40 persoas , das cales a metade eran mozas e mozos da comarca,  nos achegamos a un espazo de vital importancia como a Ribeira da Pena, e coñecemos de primeira man a súa situación actual, e as necesidades máis inmediatas que presenta par asegurar a súa supervivencia.

Un drama que estamos a ver cada vez con máis frecuencia en máis lugares, e que non só afecta aos bosques, se non que afecta en xeral a todo o noso patrimonio ambiental e cultural. Destrucción de ecosistemas, contaminación de ríos, talas indiscriminadas e incendios forestais, agresións aos nosos castros ou monumentos históricos, e un longo etc. Esto último tamén o puidemos observar hoxe nesta actividade, na cal ademáis de percorrer o bosque, visitamos tamén diferentes puntos de alto interese cultural e histórico, como o muíño en funcionamento de Xesús do Regueiro, o Dolmen da Pedra Moura, ou o Castro de Aldemunde. Este último atópase tamén nunha situación ben comprometida e complicada, véndose afectado por unha recente plantación ilegal de eucaliptos no interior do castro, e no perímetro defensivo do mesmo. Observando claramente como os eucaliptos colonizan a croa e as murallas deste castro, e tremendo polas consecuencias que isto vai ocasionar na conservación do mesmo. 

Estamos seguros de que o primeiro paso para protexer un espazo é coñecelo e querelo, e iso intentamos facer durante a nosa traxectoria coa Ribeira da Pena e con todos os espazos que percorremos en cada unha das camiñadas deseñadas, eses grandes espazos esquecidos, precisamos que nos axudes a espallar e a dar a coñecer a importancia deste espazo e a súa situación, antes de que sexa tarde.

Eva Cameán