Un pouco despois de amencer fóronse achegando ao lugar da Santa decenas de participantes da segunda camiñada deste 6º Outono en marcha. Viñeron de moitos lugares como Oleiros ou puntos diferentes de Bergantiños: como A Laracha, Coristanco ou Carballo.
A diferencia doutras xornadas, no lugar de comezo da andaina xa se atopaba un nutridísimo grupo de persoas que desafiara a unha climatoloxía normal de novembro. Xa percorreran a pé, no amencer, a distancia que separa cada un dos seus fogares, da carballeira que envolve a capela de Sta Margarida de Montemaior.
Os anfitrións foron quen de contar un total de case 60 persoas cando case un bus cheo parou o motor para baixar reforzos, repartir intendencia e dar por comezada a actividade a medida que paraban as precipitacións.
Esta parroquia da Laracha sería a protagonista dunha xornada de domingo e unha ruta, que remexe os camiños a prol do néctar más desexado da contorna. De cada un dos vestixios patrimoniais que, detrás dunha aparente curva normal da corredoira, aparecen para a sorpresa do camiñante.
A nutrida poboación anfitrioa, avezada a igrexas e capelas parroquiais, foi do máis agradable dunha marcha inmersa nun programa de andainas que busca precisamente a implicación da xente local nas actividades deste tipo. Quizá hoxe viron os seus propios lugares dende unha óptica diferente. Quizá tamén se achegaron por vez primeira a outros cantos que non por achegados, permanecían na retina dos locais.
Ter a Jesús entre eles sempre é un seguro de aprendizaxe. Tanto ten que repitas ano tras ano as voltas da corredoiras ou as retortas do río. A parada hospitalaria do curtidoiro de Cumiáns sempre traduce sensacións e contidos de nova fornada. Multiplica por mor da tradicional excelencia didáctica de Jesús e tamén por unha coidada selección de material para o curtido, que trasladou aos forasteiros, a mediados do s. XIX cando os inicios de actividade no obradoiro de Cumiáns.
Dende o corazón da ruta e da parroquia. Dende a intersección entre a mañá e a tarde. Dende a propia división xeográfica dunha feligresía marcada na súa pertenza entre os que sitúan á Sta Margarida como eixe da súa vida social (incluso con cemiterio), e os que manteñen o Igresario (a Sta María Magdalena parroquial), como lugar de referencia territorial e espiritual.
Pasara a mañá entre capelas que aparecían entre carballos ao final de corredoiras, historias de condesas e imaxinación de torres antigas medievais. Mais con María a cesteira todos calan. Deixan, escoitan… miran, dende o agradable adro que forma a súa eira, as moi diferentes historias que lle foi expoñendo a vida. As desagradables, con tino; as agradables, con sorna pícara. Por riba e por baixo, como tecendo: “De vimbio ou de corda de plástico, como o queres?”, repite, directa e expresiva, unha das últimas cesteiras da bisbarra.
A tarde recibiunos no río Bardoso e a relaxación das beiras sonoras do cauce brincadeiro. Foi antes de poñer rumbo á zona alta da parroquia. Esa que sempre nos ensina horizontes de ben lonxe. Desta volta iluminounos cabo Prioriño, case coas poucas raiolas con enerxía da xornada.
E vimos por primeira vez a mámoa de Ferreira, nunha desas paradas de construción educativa que fan crecer e complementarse o itinerario.
O demais ata o final foi agradecemento en descenso ata que o espectacular carballo do Outeiro nos marcou a penúltima parada. Esa que nos ensinaba o final do Igrexario. O punto de agradecerlle ao Concello da Laracha e de Carballo, a Protección Civil, a Evaristo e a cantos participantes da parroquia nos acompañaron. Como non, a esa xente que, como Ángela, fai que sumemos dia a día.