Senda Nova fai balance de éxito na clausura da 14 edición da Escola Ambiental.

Senda Nova fai balance de éxito na clausura da 14 edición da Escola Ambiental.

Clausura Escola ambiental 25-26

Clausura Escola ambiental 25-26

O pasado sábado día 27 de xuño pechábase a 14 edición da Escola Ambiental de Senda Nova- Concello de Carballo. O acto tivo lugar no Espazo da Naturez de Oza dende onde se repasaron os traballos realizados pola rapazada durante 26 sesións de traballo.

Ao acto asistiu o Concelleiro de Medioambiente, Servizos e Protección Civil Miguel Ángel Vales, que destacou a importancia das familias dentro do conxunto de axudas que conforma a Escola Ambiental. Tamén asistiu Adrián Eirís, presidente de Senda Nova, que aproveitou o momento para resaltar a importancia deste proxecto, sendo vital dentro da propia organización, ao fomentar unha continuidade da mesma grazas ao traballo coa rapazada.

Importancia tiveron as familias e os propios participantes. Nesta edición volvéronse bater records de participación total, aínda que o realmente salientable foi o compromiso de familias e alunado, para acadar un volume de case 25 persoas que participaron no proxecto de xeito continuado durante estes oito meses de programación.

As familias destacaron os cambios nas nenas e nenos participantes durante estas intensas 26 xornadas de traballo, resaltando actividades puntuais diversas como as pernoctas, as vendas na feira ou a propia construción do galiñeiro.

Cabe salientar que dentro da variada programación, as rapazas e rapaces da Escola Ambiental visitaron lugares de interese patrimonial como o dolmen da Pedra Moura, O bosque da Ribeira da Pena ou o Esteiro do Anllóns. Realizaron actividades no Espazo da Natureza de Oza polas mañáns e tamén actividades en diversas horas do día, incluso de noite a través das acampadas en tendas de campaña, fomentando o espírito de convivencia e o coñecemento dos materiais e equipo necesario para as actividades ao aire libre.

 

Asimesmo, a horta como proxecto transversal ocupou a maior parte do horario no Espazo, plantando máis dunha ducia de especies diferentes dentro e fora do invernadoiro ou colaborando con centros de ensino locais no coidado de especies autóctonas como o carballo.

O tempo de horta aumentou e a colleita fixoo de xeito exponencial. Deste xeito duplicáronse os produtos recollidos, aumentando as plantas levadas para as casas da rapazada e duplicando as xornadas de venda na feira dominical de Carballo.

É de destacar este espazo de mercado para o propio proxecto da Escola Ambiental, ao fomentar a comunicación da rapazada coa sociedade e a exposición do proxecto da Escola á propia sociedade carballesa.

Por último, o novo proxecto do galiñeiro, enfocado principalmente aos máis maiores do proxecto, significou traballar nas destrezas coa ferramenta, aplicando coñecementos do colexio á vida real e traballando en equipo para realizar un equipamento que pechará o círculo de residuos orgánicos, fomentando unha maior permanencia no Espazo.

O acto de clausura serviu para o recoñecemento público do esforzo das rapazas e rapaces durante estes oito meses de traballo, recoñecemento que se realizou cun diploma de lembranza para os e as participantes.

Asimesmo as participantes Sofía Souto e Noa Mourón recibiron un recoñecemento especial por cinco anos de participación.