Sendas por terra gandeira

Sendas por terra gandeira

XII PR Chonia

XII PR Chonia

Dende a igrexa de Monzo podemos imaxinar o percorrido pola FORZA DO RÍO CHONIA. A parada nesta estación da XII PRIMAVERA EN RUTA  lévanos ao concello de Trazo, na comarca de Ordes.
Dende esta pequeniña igrexa dunha pouco poboada parroquia, podemos facer xa unha análise do que será un percorrido por un territorio pouco poboado dunha paisaxe que nos debuxa, na maior parte do percorrido, uns horizontes abertos de terra gandeira.

O camiño vai buscando a senda antiga a Compostela e aos 30 camiñantes recíbeos a igrexa de Restande cunha irrepetible espadana. O templo alberga a sepultura dun dos fundadores do próximo Pazo de Vilacova.

Precisamente o edificio é a seguinte parada, e coma sempre, os momentos máis fermosos da andaina. Xabi Villar vai percorrendo os diferentes espazos dun impoñente recinto circundado por un muro consistente. Dentro, un dos edificios máis señoriais de cantos visitamos. Pombal, casa de caseiros, hórreo, fonte…e unha fachada sur, a máis chamativa, na que a simetría e a beleza estoupan.

O terreo do Pazo vai quilómetros máis adiante. Ata a capela do Carme da Hermida, lugar de reposición de forzas para os camiñantes. A partires de aquí, a parada de Lestrove, ubicación do castro e da torre medieval do mesmo nome, é a última das paradas antes de adentrarse no curso baixo do río Chonia.

Batáns, muíños, minicentrais hidroelétricas…poden  dar unha idea do brincadeiro dun río ao que lle queda pouco antes de chegar ao Tambre. Pero cada recuncho dun val con orientación sur, ofrece un interese ecolóxico a través da variedade de especies vexetais apostadas a carón dunha canle incrustada no granito.

O punto e final, na fermosa aldea de Portomeiro, métenos no concello de Val do Dubra e, a súa vez achéganos a unha aldea aseada e restaurada a conciencia. A xoia, o Castelo de Portomeiro, atópase escondida no máis alto do Petón para gardar o segredo do castelo medieval que alí se sitúa. Agardamos que os traballos arqueolóxicos que se iniciaron poidan ter a continuidade que merece o lugar.

XII PR Forza Do Río Chonia

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank