Sofán despediu 10 anos de Primavera en ruta.
Os Ríos de Sofán foron o escenario da última das andainas desta décima edición do noso programa máis antigo.
Máis de corenta camiñantes saíron e chegaron á igrexa parroquial de San Salvador, orixe e fin dun traxecto recortado para a ocasión, como todos os camiñados nesta edición. O Bardoso e o Carral foron as canles fluviais protagonistas, a estrutura desta andaina. En realidade ben podería ser a estrutura da mesma parroquia, vertebrada a través de quilómetros de canles que sementan case medio cento de muíños hoxe en abandono. Sofán é tamén unha das parroquias máis extensas da comarca e contén 62 lugares, salpicados na basta, amable e desigual orografía. Recolle as augas de Cerceda e tamén da parroquia de Montemaior, coa que mantén unha extensa fronteira e uns lazos de irmandade a pesares de pertencer a concellos diferentes. Sofán, defeito, significa terreo debaixo da costa. A parroquia carballesa mantivo o primeiro posto en poboación dentro do concello ata que rematou a primeira década do século XX e, cos 62 lugares mencionados, atópase entre as sete parroquias de Galicia (das máis de 3000) con máis núcleos de poboación.
Sen dúbida trátase dunha parroquia tipo dentro do laberinto de lugares da xeografía galega. Unha parroquia con dous castros catalogados e un curtidoiro que, a través da mesma auga do río Carral, alenta a maquinaria no proceso de curtido e retrae no tempo ao visitante que se chega ao Tarambollo.
Ríos de Sofán é unha das poucas rutas deseñadas en Senda Nova que é íntegra por unha soa freguesía. Un mundo enteiro en forma de vexetación de ribeira, de lama e amabilidade no terreo. De muíños que son museos e de museos que son xoias.
O hoxe núcleo máis poboado dos Campos de Bolón alberga unha espectacular escolla de instrumentos musicais e radios antigas. Sen dúbida, Evarísto ( artesá gaiteiro), pode ofrecer nos sentidos os olores e sons da historia só coa vista do seu museo.
Moi cerca atópase o epicentro da masacre das famosas Mártires de Sofán. Catro mulleres asasinadas en 1919, que pasaron á historia da loita contra o caciquismo a través de perder a vida por disparos da Garda Civil. Corrían tempos difíciles pola virulenta gripe e, en pleno contexto da 1º guerra mundial, os sucesos de Sofán foron nova en todo Galicia e estado. Simbolizaron a loita feminista e sumáronse con outros movementos da época, relacionados todos coa loita contra o poder.
Unha fermosa lembranza destes feitos preside hoxe o Centro social parroquial, moi cerca de onde foron asasinadas as valentes mulleres rurais de fai anos.
As corredoiras de Sofán agardan xa ao ano que ven. Unhas sendas que nos levaron ao curtidoiro do Tarambollo, ao muíño de Monelos, a cova de Covas ou ao castro de Guntián, para aprender un pouco máis desta nosa terra.
Unhas corredoiras que acolleron desta volta a participantes de Santiago, de Coruña ou de Asturies. Sen dúbida salientable a presenza dos asturianos. O Grupu d´Ornitoloxía Mavea de Avilés aportara xa durante toda a fin de semana coñecementos, formas de traballo, e experiencia, nunha dilatada andaina polo naturalismo asturiano. No domingo, ademais, tivemos a oportunidade de desfrutar con eles da parte máis humana á vez que aprendiamos sobre paxaros e réptiles. O agradecemento a Luís, David e Juan vai en forma de desexo de seguir a colaborar coa entidade asturiana. Mesmo de novo aquí ou na Ría de Avilés da que tan orgullosos están.
Con esta despedida tamén dicimos adeus a outra edición más da Primavera en ruta. A dun décimo aniversario que nos trouxo exposicións, contactos con outras entidades como o Instituto de estudos bergantiñáns, a Casa da Horta de Porto ( Portugal), a Comunidade de montes en man común de Tameiga ( Mos) ou o Grupu d´ornitoloxía Mavea de Avilés ( Asturies). Con elo un importante aprendizaxe e esforzo organizativo. De persoas da entidade que cada semana mostraban espírito e traballo.
Agradecer ao Concello de Carballo, Concello da Laracha, Concello de Malpica de Bergantiños e Concello de Zas por todo o apoio e, como non a Agrupación de voluntari@s de Protección Civil de Carballo. Sen tod@s vos, non sería posible.
Jose M. Menéndez