Sumerxidos nas aldeas costeiras

Sumerxidos nas aldeas costeiras

9 OM Razo Baldaio

Se collemos o planeta terra dende o Google Maps e imos facendo zoom ao chou, podemos achegarnos a lugares a priori pouco importantes.

 

Se en vez do planeta terra collemos a costa carballesa de Razo-Baldaio, probablemente o zoom mental tampouco nos leve ás aldeas interiores das parroquias de Razo, Lema, Noicela ou Rebordelos. Mais o Google Maps incorpora na segunda liña da fachada ao mar unha boa xeira de topónimos espallados por un territorio escondido entre leiras. Unhas terras que a pesar de exercer como o mellor balcón paisaxístico ao mar e o espazo natural, recóllense nun humilde segundo plano por detrás do areal e a marisma, máis coñecida fisicamente e en primeira liña de océano.

 

Este salpicado de fermosas aldeas foi o destino da pasada actividade do 9º OUTONO EN MARCHA. Un itinerario por RAZO-BALDAIO PARA PROTEXER  que tivo que ser modificado pola alerta laranxa meorolóxica costeira, para percorrer deste xeito os camiños que separan a aldea de Pardiñas da Pedra do Sal.

 

A marcha chuviosa serpenteou polas pistas dende o berce da linaxe dos Pardiñas, na aldea do mesmo nome que limita Razo con Lema. O antigo castro e a posterior torre iniciaron a evolución dunha das familias máis importantes da nobreza galega, e que se mostra en cada escudo heráldico coa figura da torre.

O lugar do Seixo foi a seguinte parada e chegamos a Castrillón despois de reflexionar sobre o alto volume de anfibios atropelados nas pistas: píntegas, rans, sapos ou tritóns marmorados contábanse por ducias no percorrido que nos leva ata a aldea do castro habitado. Sen dúbida é Castrillón o mellor miradoiro da costa de Carballo. Avalado tamén pola historia castrexa e a lenda sobre a capela ubicada no alto da croa.

Agramaior e A Regueira, son as seguintes aldeas que visitamos ao ritmo que marcaba o furgón da panadeira un domingo de choiva outonal. E baixando, a cando os regatos cantaríns en día de choiva, chegamos a Sambade para tocar case a cota cero de altitude e achegarnos ao núcleo de Rebordelos.

 

O entorno lémbranos aos entramados rurais de arquitectura típicos galegos. Cunha pequena e fermosa igreza que preside o núcleo principal e que posúe un antigo retablo do S XVII. Falamos das peculiariedades de atoparse a tan só 750 metros da igrexa parroquial de Noicela, a parroquia veciña e tan unida a esta. A senda desfaise en corredoira ao pasar o cruceiro de Rebordelos e pouco a pouco vainos metendo no silencio da marisma. Esa tan alonxada do mar que é capaz de sacarlle o volume aínda nun día grandes ondas brancas. O espazo de silenzo é capaz de aumentarse grazas aos xuncos e a tranquilidade grazas ao avistamento de garzas e parrulos, que salientan a maiores a sensación de liberdade.

 

E con isto chegamos ao fondo do camiño para rematar a carón da lagoa unha andaina dividida en pequenos grupos que, nun día de auga rematou por sumerxirse na paisanaxe das nosas aldeas.

 

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank