Tempo de observar, convivir e medrar

Tempo de observar, convivir e medrar

 

A primavera vai chegando ao seu fin, e aínda que o tempo non o admita, o verán está a piques de comezar, por iso as rapazas e rapaces da Escola Ambiental Senda Nova convencémonos de que a choiva non molla, e de que o sol nos está a ollar detrás das nubes, e comezamos a poñer en práctica todo o aprendido durante estes meses de inverno.

Dende que comezamos a Escola Ambiental, alá polo mes de novembro, estivemos a prepararnos e a aprender todo o necesario, para poder realizar actividades de observación e convivencia en plena natureza, e desexando dende o primeiro día , que chegara o verán e o bo tempo, para poder gozar do noso entorno na mellor compaña.

Durante estes 8 meses estivemos a realizar actividades moi diversas, como camiñadas interpretativas, sesións de aula, dinámicas ao aire libre, actividades de observación etc Nas cales aprendemos moitas cousas que teñen que ver coa ecoloxía, coa cultura, co noso patrimonio, e sobre todo, con saber comportarnos e saber gozar de xeito responsable na natureza.

Por iso, agora xa estamos preparadxs para actividades máis complexas, actividades de máis de 1 día, nas que pasamos a noite fora da nosa casa, coas nosas compañeiras e compañeiros, compartindo experiencias e pasándoo moi ben.

Estas actividades son os Obradoiros de Observación e Convivencia , como o que celebramos a pasada fin de semana no Espazo da Natureza de Oza, e durante o cal realizamos actividades de observación de flora e fauna, aprendemos máis cousas sobre como utilizar diferentes materiais como prismáticos e telescopios, e sobre todo convivimos e medramos, compartindo a cea entre nós, pasando a noite xuntos, contando historias, e axudándonos uns aos outros cando había algún problema. Xa que moitxs de nós era a primeira vez que durmiamos fora da casa, e comprenderedes que estabamos un pouco nerviosxs.

Despois do éxito desta actividade, e de demostrarlle xs monitorxs que estabamos máis que preparadxs, veñen as seguintes, cada vez requiren un pouquiño máis de esforzo, pero iso fai que sexan aínda máis divertidas e que nos sintamos moi ben vendo todo o que melloramos.

Este venres, día 8, realizaremos outro obradoiro de observación e convivencia no Espazo da natureza de Oza, no que faremos dinámicas de observación, tentaremos aprender un pouquiño máis sobre o ceo nocturno se está despexado, e sobre todo conviviremos.

Despois desta actividade, aínda nos quedan por realizar algunhas máis, que serán na natureza, onde teremos que esforzarnos un pouquiño máis por que non teremos as comodidades que tiñamos no Espazo da Natureza de Oza, (baño, luz…) será outro pasiño máis, pero a cambio non só conviviremos as nenas e nenos da Escola Ambiental, se non que estaremos en plena natureza,  onde diferentes especies animais estarán moi preto de nós, e con moita sorte poderemos atopar os seus rastros e pegadas, ou quen sabe, incluso chegar sentilas ou velas.

Xa estamos desexando que cheguen, e de poñer en práctica todo o aprendido nos obradoiros de identificación de pegadas, sentir cantar ás aves, durmirnos tranquilamente co son do vento mexendo as árbores e os grilos arrolándonos, e sobre todo, sentindo á natureza falar.

Shhh, non a sintes?