TERRAS DO MARQUÉS: CORREDOIRAS DA REFLEXIÓN

TERRAS DO MARQUÉS: CORREDOIRAS DA REFLEXIÓN

9 Outono en Marcha. Terras do Marqués.

 

 

A Peniqueira, balcón e vixía do centro do concello de Carballo, xunta con agarimo dúas parroquias fértiles do territorio. Asentadas en dous vales ben diferenciados, Ardaña e Artes conviven a través dun monte estratéxico cheo da historia que nos marcan os vestixios megalíticos e castrexos.
Pero ademais, estas dúas parroquias teñen en común un pasado de sona fidalga. O pazo de Gontade, no máis profundo da depresión meridiana que cruza Ardaña, pasa por ser o máis antigo do concello. Artes, en cambio, acolle no centro do seu territorio un dos pazos máis coñecidos e grandiosos de toda a comarca: Vilar de Francos.

Entre todas estas agras, montes e corredoiras, discorreu a pasada andaina polas TERRAS DO MARQUÉS, esa proposta que desta volta e como cada vez, se empapa na fermosura do territorio e de edificios como os antes citados, para retroceder mentalmente na historia das nosas parroquias. Faino, sen dubida, co agarimo e a hospitalidade de xentes como os habitantes do propio pazo de Gontade, os propietarios do pazo de Vilar de Francos ( A Penela) e tamén da propia veciñanza das parroquias, que desta volta e da man de Eva, David e Xiana amosaron o seu particular museo etnográfico a través de antigas ferramentas de labranza e formas de utilización.

No castro da Peniqueira hai sitio suficiente para divisar todo o territorio percorrido. Dende un dos maiores xacementos deste tipo da contorna albiscamos as terras de dominio de marqueses en ambas as dúas parroquias.

Entre os eucaliptos que destrúen as mámoas do monte aínda queda a historia dos enterramentos megalíticos. 7000 anos avalan estes vestixios históricos da época das pirámides de Exipto. O propio monte doulles acubillo mais non conseguiu defendelos dun dos maiores problemas do chan galego nas últimas décadas.

Noutra banda do territorio, un dos poucos lugares onde aniñan as sobreiras tamén está sendo obxecto de novas plantacións nun afán triste de superación polo negativo. Os eucaliptos medran e as sobreiras son máis difíciles de atopar cada día.

AS TERRAS DO MARQUÉS, as corredoiras da reflexión seguen acesas.

 

9 OM Terras Do Marqués

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank