A Asambolea Xeral de Soci@s pechou un ano e con el, coma sempre, un balance das accións por parte da asociación.
As conclusións son similares a outros anos e cun futuro que necesita de moito esforzo para loitar contra as ameazas ambientais que podemos observar día a día e que se multiplican e difunden como manchas de aceite.
A vista cara os nosos ríos faise a través do ocio e de actuacións sobre os mesmos e a súa zona de influencia. Tradúcense en formigón, zahorra, madeira exótica e corta de vexetación de ribeira. Principalmente para urbanizar paseos de zapato fino e tamén para inventar zonas de ocio de encherola con barbacoas e bancos. A calidade das augas ten moito que mellorar tamén, de xuro que por mor de verquidos que perduran no tempo.
O pouco que queda dos nosos bosques de máis de cerca está a desaparecer cada día. A maior parte a través das plantacións de eucaliptos, en moitos casos de variedades moi agresivas para o noso medio.
Os humidais tamén están ameazados. Nuns como Alcaián a través dos parques eólicos, que seguen a representar unha das grandes ameazas para a ecoloxía, a cultura e a paisaxe destas comarcas. Outros coma Baldaio, Esteiro do Anllóns ou Traba de Laxe sofren a colmatación dos seus espazos pola entrada de area e sedimento por causas desiguais. Ao tempo que a excesiva e pouco sensible humanización dos espazos multiplica as consecuencias negativas.
Os sistemas dunares seguen a ser espazos nos que se segue a actuar de xeito desordenado. Non conscientes da sensibilidade e peculiaridade destes ecosistemas, seguen a verse como lugares desaproveitados e as actuacións neles a través humanizacións masivas, cabalos ou mesmo a erradicación da area seguen sendo frecuentes. A Píllara das Dunas, como bio-indicador da calidade das nosas praias e os sistemas de dunas danos unha diagnose negativa que está afectando moi negativamente á especie.
No grandísimo salpicado de vestixios castrexos e megalíticos a fotografía é parecida salvando casos puntuais, tendo precisamente aos eucaliptos como un de tantos inimigos deste patrimonio que tan rico fai ao noso territorio.
Este son só exemplos dunhas ameazas moito máis amplas. E todo isto co denominador común da decadencia a pasos de xigante do noso rural.
Quédanos moito por facer dende moitísimos ámbitos. Dende o noso gran de area chegamos ao cento de días de actividade neste ano 2018. Días que serían moitos máis na labor preparativa delas e tamén no traballo extra das accións que, non abertas ao público, constitúen cada día máis unha necesidade no crecemento da propia asociación. As actividades abertas ao público que teñen sempre como principal denominador común o coñecemento do entorno. O achegamento á interpretación do mesmo para unha mellor conservación a través dun cambio de mentalidade que permita ver a nosa riqueza como un potencial e non como un estorbo.
Foi un ano no que presentamos o primeiro DVD editado por nos: HOXE QUEN BAILA?. Un traballo que ten como base as Historias de Inverno coas que estamos no “suma e segue” neste inverno que nos atopamos e no que chegaremos ás 30 parroquias percorridas e xa máis cerca de contactar coa cifra do cento de homes e mulleres narrador@s.
Tamén seguimos cos programas de andainas como PRIMAVERA EN RUTA, que chegou á 9º edición co obxectivo de levar xente polas corredoiras máis de cerca para ensinar o noso patrimonio. Tamén houbo DÍAS DOS BOSQUES, cun Día da Árbore especialmente emotivo. O VERÁN AO NATURAL tivo máis contido que nunca e dou paso á programación de outono máis intensa con AS SETE NO ESPAZO e o OUTONO EN MARCHA, o último deles cumprindo sete anos, e o primeiro cun claro obxectivo de dar cor e vida ao ESPAZO DA NATUREZA DE OZA, a nosa casa que fomos equipando pouco a pouco para poñela apunto con cada día máis actividades que a fixeron crecer e que acolleu nesta no que remata máis de 60 días de actividade dentro del.
Sen dúbida á referencia principal do ENO é a ESCOLA AMBIENTAL, que neste 2018 iniciou a 6º edición coa máxima participación. Un proxecto que asenta o máximo orgullo pol@s nen@s que participan nel e por ter a ambición de alongarse de novembro a xuño.
Por suposto tamén, o 6º INVERNO ANCESTRAL no que nos atopamos, que se fai maior coas HISTORIAS DE INVERNO e o APALPADOR e que ten tamén a responsabilidade de difundir os traballos audiovisuais saídos dos faladoiros.
Un ano máis estamos orgullosos do traballo feito. Un orgullo que nos da forzas para a mellora e que nos da seguridade en nos mesmos para poder afrontar moitas esixencias de cada día. Para seguir poñendo o gran de area que non cambiará o mundo pero que nos serve para tirar cara atrás na deriva. Creemos que é un traballo coherente cunha nosa filosofía baseada no voluntariado e coas demais entidades que nos rodean.
Houbo tempo de lembranza para todas esas entidades coas que colaboramos e que nos botan unha man. Para concellos, colexios e persoeiros que confían en nos e que están sempre na axuda en charlas, interpretación ou tamén lixando unha parede en Oza. Para as socias e socios da asociacións, moit@s dos cales poñedes bastante tempo para esta causa.
E por último a nosa lembranza para Camen Mallo.
Perdémoste neste 2018 e seguimos a botarte de menos en cada actividade que facemos. En cada montaxe das Historias de Inverno, en cada axuda ao Apalpador, na parte de atrás, pechando o grupo en cada andaina.
Pois seguimos nesas Carmen. Unha aperta.