Un chan de plástico. Limpeza simultánea de praias 2019. Baldaio

Un chan de plástico. Limpeza simultánea de praias 2019. Baldaio

Un ano máis dende Senda Nova unímonos a Limpeza Simultánea de Praias 2019 organizada pola Asociación Ecoloxista Adega, desplazándonos un ano máis ao litoral Carballés, neste caso concretamente a Baldaio, un espazo espectacular e dun alto interese ecolóxico, paisaxístico, cultural e social que temos a sorte de ter moi preto.

A pesar da choiva constante e incesante, non foi motivo para que algunhas activistas nos achegáramos ao humidal para realizar unha limpeza, a man, cun gran compoñente simbólico e de educación ambiental, neste espazo.

Atopámonos un ano máis cos problemas de sempre, cunha altísima presenza de microplásticos imposibles de recoller a man, infinidade de pequenas boliñas, bastoncillos, tapóns, que facían un auténtico manto de cores enriba da area e da vexetación da lagoa, unha situación moi preocupante e sobre todo que produce unha angustia e unha frustración moi grande, ao ver que a pesares de estar poñendo todos os esforzos en retirar este lixo, é totalmente imposible realizalo pola gran cantidade que nos atopamos e sobre todo polo seu reducido tamaño que fai que se mesture coa area e coa vexetación, dificultando aínda máis a tarefa.

Por primeira vez, e como novidade, participamos na limpeza facendo uso dunha APP no teléfono intelixente, coa cal fomos facendo un rexistro de todo o lixo que atopábamos, para desta forma ter datos máis concretos dos tipos de materiais que aparecen nas diferentes praias ou zonas, volumen dos mesmos etc. Baldaio ao ser unha lagoa, non é un lugar onde atopemos grandes residuos moi voluminosos que veñan arrastrados polas ondas, se non que predominan maiormente os elementos plásticos de menor tamaño, igual de daninos e imposibles de combater, e os elementos pertencentes a artiluxios de pesca, marisqueo etc

En total foron uns 50 kg de lixo retirados, dividos en 3 sacos de lixo industriais e varios tubos e elementos de maior tamaño que retiramos individualmente.

Queda moito por traballar e moita labor de concienciación que realizar. Nós pola nosa banda seguiremos mantendo a ilusión, o esforzo e o compromiso para poñer en valor espazos tan importantes coma Baldaio, e por achegar as problemáticas ambientais que temos no noso entorno a poboación en xeral, e sobre todo as nenas e nenos, xa que sen eles non hai futuro posible.