Comezo da 7ª Edición da Escola Ambiental Senda Nova – Concello de Carballo, cheo de maxia e ilusión

Comezo da 7ª Edición da Escola Ambiental Senda Nova – Concello de Carballo, cheo de maxia e ilusión

O pasado sábado, día 10 de novembro, máis de medio cento de persoas recibimos no Espazo da Natureza de Oza, as novas participantes da Escola Ambiental Senda Nova- Concello de Carballo, que acada xa a súa 7ª edición.

A Escola Ambiental trátase dun proxecto que comeza agora ,no mes de novembro, e remata no mes de xuño, tendo todas as semanas actividades cun grupo de 25 rapazas e rapaces, para coñecer o seu entorno máis achegado. Isto conseguímolo a través de diferentes dinámicas e metodoloxías que teñen lugar os sábados pola mañá ou os domingos en xornada completa e que conseguen achegar as máis pequenas/os ao patrimonio cultural, ecolóxico e paisaxístico da zona.

Durante a presentación de onte, decenas de familias e participantes, coñeceron os pormenores do proxecto, os obxectivos do mesmo, e sobre todo viron algúns exemplos de actividades que van a realizar durante estes meses, como as rutas interpretativas, saídas ornitolóxicas, talleres de pegadas e indicios, actividades de horta tradicional, xogos e dinámicas de grupo etc Este ano ademais, como novidade, as nenas e nenos contarán con sesións e actividades específicas para mellorar a expresión de sentimentos, debates, autoestima, relaxación etc Creemos que é igual de importante, traballar nestes eidos, que van paralelos a todos os coñecementos, e en xeral a toda a vida… sentirse ben co grupo, resolver os posibles problemas que teñamos entre nós, mellorar a concentración, a atención a relaxación…

Unha vez presentada a actividade, e resoltas todas as dúbidas, chegou o momento máxico da tarde, a actuación do Mago Álex, que encheu de risas e maxia o Espazo da Natureza, e como el mesmo dixo, “entramos aquí sendo nenos e adultos, e agora, ao rematar todos somos nenos. Iso é o bonito da maxia”. Unha actuación que non deixou indiferente a ninguén, e que sen dúbida alegrounos o día a pequenos e maiores.

Despois da actuación do Mago Álex, aproveitamos para coñecernos un pouquiño mellor, merendando todos xuntos, e xogando nas instalacións exteriores do ENO, até que a noite nos convidou a recollernos.

Resultou unha fantástica xornada para coñecernos e  para darlle a benvida a un novo curso, na que ademais, estivemos acompañadxs por antigos alumnxs de outras edicións, antigxs monitores e monitoras voluntarixs de anos anteriores, e moitas socias e socios, amigas  e amigos da entidade, que non quixeron perderse esta benvida.

Agradecer unha vez máis, a todas as familias e a todas as participantes o esforzo, o compromiso e o interese que mostraron co proxecto dende un primeiro momento. Agradecer a toda a familia de Senda Nova, socias e amigas da entidade, por seguir loitando por estas iniciativas, por crer nestes proxectos durante tanto tempo, e sobre todo agradecer especialmente ao Concello de Carballo a súa colaboración, que nos ben prestando dende os inicios deste proxecto no ano 2012, apoiando a iniciativa dende as súas orixes, un ano máis, e facendo que todo sexa moito máis sinxelo e que sexa posible.

Convidarvos a todxs xs que nos estades lendo a coñecer o proxecto máis de preto. E se tes entre 8 e 12 anos, lembra que aínda estás a tempo de apuntarte á Escola, xa que temos un sistema de lista de espera continuo e dinámico no que ao longo do curso vai saíndo e entrando xente, polo que se che apetece gozar da natureza, aprender xogando, e coñecer mellor o teu entorno, non o dubides e ponte en contacto con nós a través do teléfono 611037614 ou no correo asociacion@sendanova.org.