UN NOVO NÚMERO DE ABRINDO CAMIÑO CIRCULA XA POLAS CORREDOIRAS DE BERGANTIÑOS

UN NOVO NÚMERO DE ABRINDO CAMIÑO CIRCULA XA POLAS CORREDOIRAS DE BERGANTIÑOS

Escola ambiental presentación revista

Escola ambiental presentación revista

O número 3 da revista ABRINDO CAMIÑO xa está na rúa. O pasado sábado día 18 démoslle a benvida ao que é a cuarta edición (0,1,2,3) da revista editada pola Asociación Ambiental Senda Nova.

No acto estiveron presentes colaboradores/as da publicación, persoas que tiveron redactado artigos neste último volume. Ademais estiveron presentes representantes de establecementos colaboradores  e tamén familiares de rapaces e rapazas da Escola Ambiental. E é que a rapazada da Escola foi protagonista no acto de presentación da revista visibilizando con intervencións individuais de cada participante, a labor que se está a levar dentro do proxecto.

En canto á publicación, esta segue a evolución constante en número de páxinas que se veu visibilizando en cada número. Deste xeito, este último chega a 56 páxinas a toda cor que manteñen a calidade de encadernación e maquetación.

A revista mantén as seccións clásicas de números anteriores, aumentando o número de artigos na maioría das mesmas. Os colaboradores e colaboradoras das seccións máis atemporais mantéñense case na súa totalidade, con enfoques específicos nun número que pon o foco na destrución dos camiños tradicionais e beira de canles fluviais. Precisamente na sección CONTRA NATURA e EN MOVEMENTO  afóndase nas maiores problemáticas ambientais e fanse diferentes reflexións sobre actuacións proxectadas como circumbalacións, actuacións en beiras de canles fluviais ou polígonos eólicos.

Os polígonos eólicos seguen a ocupar unha parte importante na publicación, dando resposta ás peticións de colectivos, plataformas e movementos veciñais que se poñen en contacto connosco solicitando axuda contra a sen razón destes proxectos que pretenden converter o noso rural en polígonos industriais.

EN MOVEMENTO e ACCIÓN MOCIDADE  son dúas accións tamén importantes dende o inicio xa de ABRINDO CAMIÑO. Non é menos neste número xa que son áreas extensas que pretenden visualizar proxectos de entidades que teñen como obxectivo poñer en valor o noso rural a través da cultura e contacto co medio a través de accións ben diferentes.

Outras seccións son SENDA SOLIDARIA, ou DENDE LONXE, con contidos e reflexións diversas no que pretende aumentar a calidade da publicación para unha visión completamente transversal do rural no que vivimos.

Agradecidos quedamos a todos/as aqueles/as que déchedes a benvida a este novo número, especialmente a colaboradores/ as  que dun modo u outro aportades para que isto sexa posible con esta filosofía.

Seguimos lembrando o grandísimo esforzo posto por esta entidade para acadar esta publicación que consideramos de calidade en canto ao aspecto físico, pero tamén en canto a que é capaz de recoller, cada día máis, o movemento e inquedanzas da sociedade desta parte da Costa da Morte. É quen de visibilizar problemáticas e movementos veciñais e tamén é quen de asentarse no tempo cada día con máis empaque.

Facer isto case só co apoio do pequeno comercio e comercio sostible non é fácil, máis aínda dende o traballo desinteresado para encaixar todos os bolillos.

Podes facerte coa revista nos seguintes puntos:
Libraría Teldi    Carballo
O Logradouro   Carballo
Libraría Clarión    Carballo

Donativo: 3€

Escola presentacion revista 3

Escola presentacion revista 2

Escola presentacion revista