Unha viaxe aos Ancares

Unha viaxe aos Ancares

Un autobús de xente de Bergantiños  chegaba ao Piornedo en torno ás 11 da mañá despois de ver amencer durante a longa viaxe dende Carballo.

Recibiraos as friaxes permanentes dos vales sombríos dos montes dos Ancares e un xeo que engordaba nos camiños a medida que o grupo deixaba a aldea do Piornedo e se dispoñía co camiño que colle dirección ao Mustallar. A verdade que o pico é unha das máximas alturas do cordal que separa coa veciña León e quizá o máis emblemático dos cumes do macizo dos Ancares.

Non estaba previsto que o grupo verde de Senda Nova chegara a tales alturas, mais a animosidade do grupo fortalecida pola gran representación de xente nova, ben puidera servir para achegarse cerca.

As costas entre os piornos que dan nome a aldea do lugar de saída, deron paso a unha maior concentración de xeo.  A apertura de pistas é, nesta zona, aproveitada pola auga para formar regatos. Canalizacións de auga polo medio das pistas que converten as mesmas en auténticas pistas de patinaxe, cunha capa de auga sólida que podía chegar aos  40 cm.

A precaución máxima tivo recompensa no Campo Redondo, lugar dun avituallamento que se realizou coa máxima temperatura do día, uns 10 º. Alí, naquel recuncho de postal recobramos forzas para seguir, mais a ladeira en sombra e unha maior concentración de xeo, recomendaron dar volta ao Piornedo e visitar a Palloza do Sesto.

Sen dúbida, entrar nesta casa de teito de pala segue a ser unha lección de autosuficiencia. De como vivían en condicións tan diferentes as xentes de fai anos. Unha lección de vida ecolóxica apegada ao entorno e utilizando os recursos propios dun xeito responsable. Sen dúbida, o último exemplo de vida nos antigos castros.

Ter a Fuco de guía explicando cada recuncho da palloza é un luxo. Sen dúbida, esa soa construción é un mundo enteiro onde conviven o que hoxe en día serían media ducia de oficios.

Con ganas de volver. Grazas a tod@s