Val de Couso, especial nexo do Coristanco Histórico

Val de Couso, especial nexo do Coristanco Histórico

XII PR Coristanco Histórico

XII PR Coristanco Histórico

O paso dos camiñantes polo CORISTANCO HISTÓRICO estableceu a terceira das paradas desta XII PRIMAVERA EN RUTA.

O itinerario polo sur do concello coristanqués visitou as parroquias de Seavia, Ferreira, Couso e Cuns, no que é como cada ano, un dos percorridos con maior personalidade e, sen dúbida, o máis duro a nivel físico.

Aínda así, o tempo solleiro con brisas frescas co que o pasado domingo agasallou aos máis de 20 participantes, enmarcou unha xornada moi amena, na compaña dos mellores profesores da bisbarra para sacarlle contido ao patrimonio.

Os diferentes grupos de participantes puideron encher as mochilas de contidos culturais relacionados coa igrexa de Seavia, a Ponte Trilla, a Torre de Nogueira, o Cotón de Ferreira…e unha boa xeira máis de paradas onde Martín Rabuñal, Jose Antonio Andrade ou Evarísto Domínguez ían acertando a sacarlle o máximo a cada descanso do camiño.

Por segundo ano consecutivo botamos de menos a máis interesante das visitas: a que cada ano nos levaba a abraiarnos coa obra da polifacética e autodidacta Asunción Antelo. A muller de Segufe deixounos unha obra e un legado impecable en arte e exemplo, que quizá non sabemos aproveitar como sociedade. Cabe preguntarse o que Coristanco melloraría en quererse, se o museo dunha figura exemplar puidera servir para que o propio povo puidese visualizalo a miúdo. Preguntámonos tamén, camiño da Rabadeira, pola situación das fráxiles pezas de madeira e barro, como tales ameazadas polo polvo e polilla. Agardamos que todo se poida recuperar axiña.

As corredoiras que nos enmarcan a senda cara o obxectivo da meta de Cuns teñen un nexo concreto indiscutible. O Val de Couso é hoxe un deses espazos buscados onde poder enmarcarnos entre carballos, abeleiras e ameneiros. A pesar da ameaza cercana e constante de eucaliptais e pistas obscenas, a corredoira que vertebra o val é, sen dúbida, o espazo máis acolledor da ruta. É tamén o tramo máis baixo polo que discorremos, a parte da senda que, aínda camiñando, ofrece un descanso de mente e calor.

A fondeira do Val de Couso é o corazón dun val escondido e pouco poboado que ten personalidade propia e aldeas mirándose dende a distancia.  Trátase dun dos tramos de corredoira máis fermosos de cantos temos en Coristanco e a súa protección é un traballo a prol dun futuro de posta en valor dos camiños máis fermosos, do medio natural, dun ocio sostible e dun recurso indispensable na aprendizaxe ecolóxica.

Dende este corazón podemos presentarnos a diferentes puntos do percorrido polos que transitamos neste CORISTANCO HISTÓRICO.  Educados debemos achegarnos a Nogueira e a súa torre medieval, exprimindo toda a esencia da súa historia. Podemos tamén subir a Ferreira e ao seu cotón, e deixarnos levar por un percorrido relixioso ou pagan dun lugar cheo de magnetismo. Descubrir o entorno aseado da igrexa de Ferreira e imaxinarnos o seú retablo dentro dunha igrexa no alto do cotón. Perdernos polas corredoiras cara Brenlla e Couso e cruzar por unha impoñente Casa de Nuñez en horas baixas.

CORISTANCO HISTÓRICO ofrécenos as subidas e baixadas á meseta do Xallas. As pendentes da historia en forma dun conto con final na memoria mineira do volfran, alá onde Cuns abraza ás comarcas de Soneira e Zas.

 

XII PR Coristanco Histórico

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank