Vía Alcaianus pon de manifesto a loita contra os megaparques eólicos

Vía Alcaianus pon de manifesto a loita contra os megaparques eólicos

via alcaianus outono en marcha

O pasado domingo día 27 de outubro tivo lugar a cuarta actividade deste 8º Outono en Marcha , trátase do percorrido Vía Alcaianus , que un ano máis nos levou a coñecer diferentes vestixios culturais importantes da nosa contorna, seguindo os antigos camiños romanos.

A xornada dou comezo a primeira hora da mañá na Lagoa de Alcaián, no concello de Coristanco, alí nos esperaban membros da Plataforma Non máis eólicos ( a cal Senda Nova está adherida) que viñeron acompañarnos durante parte do percorrido e deste xeito achegarnos máis a problemática concreta que ameaza a zona que iamos percorrer durante a xornada, e máis concretamente o caso da Lagoa de Alcaían, un dos lugares máis ameazados e que conta cunha gran riqueza ecolóxica que se está a poñer en perigo no devastador proxecto de megaparque eólico que ameza esta zona. As veciñas e veciños que nos acompañaron aproveitaron tamén a ocasión para contarnos lendas e historias relacionadas co humidal, hoxe en día case desaparecido, pero que segue a albergar  moito valor social, cultural e sobre todo ecolóxico, ademais de poñernos ao día nas accións que se están a realizar para parar este proxecto, e as desfeitas que podería ocasionar a súa implantación.

A camiñata alongouse durante toda a xornada, pasando por lugares fermosos e cheos de historia como o Castro e o Pazo de Arixón, os muíños de Rodeiro, a emblemática Ponte Lubiáns, ou Cernide, o lugar de orixe do noso Carballo actual, pasando polo curioso peto de ánimas da Brea, e rematando xa o percorrido en Carballo, no mesmo lugar onde unhas horas antes colléramos o bus ben cedo.

Unha xornada máis de convivencia e de aprendizaxe que se fai posible grazas a este tipo de actividades nos que aparte de aprender e camiñar xuntos, tamén pasamos moitas horas en camiño, comendo xuntos, compartindo experiencias… o cal fai que ademais teñan un forte compoñente social e de compañeirismo que fan aínda máis agradable que volte chegar o domingo para ver as compañeiras e compañeiros de andaina.

Seguimos pois co programa de outono, chegando xa ao spring final, achegarémonos este vindeiro domingo día 10 de novembro a Ruta das Férvedas e remataremos o programa o domingo día 17 coas Pegadas do Wolframio.

Asique é aínda un bo momento para que te unas a estas actividades e que te molles con nós!

Lembra que podes apuntarte até o venres anterior a cada unha das actividades en Protección Civil de Carballo, no Museo de Bergantiños e no Espazo da Natureza de Oza, e no veciño concello de Laracha no 2º andar da casa do concello.

Esperámoste!