Xan Fernández Carrera “abrirá o camiño” dos Días de Ecoloxía e Patrimonio

Xan Fernández Carrera “abrirá o camiño” dos Días de Ecoloxía e Patrimonio

Xan Fernández Carrera

Xan Fernández Carrera

Xan Xosé Fernández Carrera será a persoa que abra  camiño  nos Días de Ecoloxía e Patrimonio que se desenvolverán o 22, 23, 24 e 25 de setembro no 1º andar do Mercado Municipal de Carballo coincidindo co 10º aniversario da asociación.


Dende Senda Nova invitamos ao investigador bergantiñán a inaugurar estas xornadas nas que a exposición convivirá con actuacións musicais, encontro de entidades, presentación de actividades, etc.

Na  asociación coincidimos na gran relevancia da labor de Xan Fernández na posta en valor do patrimonio da Costa da Morte a través da súa acción  de investigación, sobre todo  dende o ámbito xeográfico e histórico, no seu aspecto máis íntegro. Moita desa labor ven reflexada nas múltiples publicacións de carácter cultural e turístico que teñen como nexo a costa máis occidental da península.

Queremos destacar tamén, o importante traballo dende diferentes entidades culturais, como o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, a Fundación Gonzalo López Abente ou Instituto de Estudos Bergantiñáns, que se ve reflexado en libros de autoría conxunta de estudos minuciosos da realidade cultural e ambiental das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra.

Valoramos tamén a labor de Xan Fernández dende plataformas cidadáns a prol do patrimonio ecolóxico, cultural e paisaxístico e o seu traballo sempre activo e dinamizador de accións que sempre marcan os valores culturais e ambientais como principal obxectivo.

Dende Senda Nova queremos agradecer publicamente o seu traballo social dende todos os ámbitos, así como a súa eterna predisposición a colaborar con calquera iniciativa deste tipo. Á súa vez, consideramos estas condutas activas e dispostas como modelo para os máis novos. Tamén, as súas publicacións (propias ou de autoría compartida), como básicas para Senda Nova, e auténticos “manuais” dende os mesmos comezos destes dez anos de historia da entidade.