Ese foi o centro da actividade coa que celebrábamos o Día mundial das zonas húmidas e ese é o significado co que o prestixioso ornitólogo se sinte plenamente identificado.
“ Eu formo parte deste espazo, así me considero”, enumeraba na extensa exposición que realizaba diante do observatorio que leva o seu nome.
Xosé Luís Rabuñal é moitísimo máis que unha inmensidade de coñecemento cheo de experiencia en anos de minucioso traballo. Máis incluso que un recoñecido paxareiro dentro e fora dos lindeiros galaicos. Xosé Luís sobrepasa ser a mellor representación de Traba de Laxe ou o Esteiro do Anllóns, onde bautizou por vez primeira un ave norteamericana na península.
A maxia está en saber xuntar o coñecemento co corazón nunha exposición de conduta da vida coherente vestida de romanticismo. É a lírica do coñecemento. Dun método de traballo minucioso con case que 5000 saídas no Esteiro do Anllóns durante máis de 40 anos de traballo. Unidas ás máis de 3000 de Traba de Laxe poden recoller unha vida enteira de laboura ornitolóxica capaz de catalogar máis de 300 especies de aves no humidal bergantiñá.
Coidamos que son números que arrasan. E que son convertidos con marco en forma de corazón e verbas soñadoras, nunha paixón que cautiva a tod@s @s que temos a gran sorte de coñecelo.
O paseo pola beira cabanesa coa que quixemos celebrar este día foi toda unha lección de agarimo polo espazo. Dende cada especie de limícola, de ánade. Dende cada parada para descifrar unha pegada de porco teixo. Desmiuzando con pausa cada un dos diferentes hábitat da desembocadura do río de Bergantiños.
Xosé Luís Rabuñal representa o naturalismo pausado. O de sempre. Fora de avistamentos turísticos de especies bandeira
Completamente agradecidos por poder contar con Xosé Luís, disposto sempre que o chamamos. Para o coñecemento, para o achegamento e para o romanticismo.