Xuntanza de meigas e reivindicación a prol de Monte Neme

Xuntanza de meigas e reivindicación a prol de Monte Neme

aquelarre na Eira das Meigas

O solsticio de verán xa tivo cabida entre todos nós e as meigas xa regresaron aos seus agochos. E é que a coincidencia do solsticio de verán fai que o día 23 estea rodeado e cheo de maxia e misterio, aquí é onde a tradición oral sitúa os aquelarres do demo coas meigas na noite de San Xoán.

Nesta tarde de maxia subimos ata os 385 metros do noso gran monte, berce de tantas tradicións e cargado de tanta historia. O Monte Neme, a Eira das Meigas, o punto cero. Alí erguíase un crómlech reconstruído e agredido recentemente, e onde din as lendas que non medra herba ningunha.

E como o día o apremiaba, algo máis de 40 meigas, con fiúnchos, vasoiras e xestas se reuniron arredor do círculo lítico para mostrar o amor e os valores que teñen con este monte, coa cultura e coa veciñanza. Unha xuntanza na que a reivindicación e a conservación deste gran patrimonio e de todo o que a el o rodea estivo en todo momento presente.

Tamén houbo tempo para facer un conxuro no que se chamaba a xente a que falase, a que non se esquecese e incluso a se achegasen a Monte Neme, e a quen ousase maltratalo, a el ou a súa contorna, que sufrise a maldición das meigas alí presentes.

E así as meigas reclamaron a recuperación deste emblemático espazo, para  que a xente fale, que a xente non esqueza que “A Eira é nosa, Monte Neme é noso”.

Aquelarre Na Eira Das Meigas

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank