AMOR POLA TERRA, AMOR POLO PATRIMONIO
A Asociación Ambiental Senda Nova é unha entidade sen ánimo de lucro composta duns 50 socios, principalmente das comarcas galegas de Bergantiños e Soneira. Ten como obxectivos principais a protección e posta en valor do patrimonio ambiental, cultural e paisaxístico, sobre todo das comarcas de Bergantiños, Soneira e Ordes.
Para acadar eses obxectivos facemos realizamos diferentes tipos de actividades ordenadas dentro de media ducia de programas que establecen a programación anual de actividades. As mesmas son de moitos tipos, destacando aquelas desenvolvidas no medio natural e nas iniciativas prestadoras de servizos á mocidade.
Deste xeito, véñense levando a cabo diversos proxectos de posta en valor do noso patrimonio que se caracterizan por:
COLABORACIÓN CON ENTIDADES
Dende a Asociación Ambiental Senda Nova coincidimos en que a colaboración con outras asociacións, concellos, plataformas e endidades sociais en programas de obxectivos comúns, fomenta e fai de efecto multiplicador, sendo máis fácil mellorar os nosos obxectivos. Deste xeito, dende Senda Nova estamos a traballar con asociacións de veciños, culturais, concellos, etc, para sacar adiante os programas. Tamén estamos integrados con outras entidades en plataformas veciñais que teñen como obxectivo a protección da cultura e/ou o medio natural.
Grazas a estas mesmas colaboracións, dende Senda Nova viaxamos a outros lugares da Península, e tamén por Europa, tentando levar con nós a nosa cultura, compartir experiencias, maneiras de traballar e coñecer outras culturas, paisaxes e hábitats. Dentro do noso programa VERÁN AO NATURAL, tentamos ter un contacto pleno coa natureza en lugares como Asturies e en proxectos como o ENCONTRO ou a BERREA. O primeiro deles ten un marcado aspecto social e no segundo destacamos a importancia da convivencia.
MOCIDADE
A Escola Ambiental de Senda Nova confírmase como unha proposta de presente e futuro para a asociación e para a nosa sociedade. Paralelo a un curso escolar, esta escola infantil de coñecemento do patrimonio máis achegado pretende inculcar en 25 rapaces e rapazas carballeses o coñecemento do entorno máis próximo durante 8 meses cargados de traballos de aula e saídas ao medio. Ademáis, existen diferentes propostas abertas á mocidade fora desta escola, como son os Obradoiros de Observación e Convivencia ou outros proxectos relacionados coa agricultura tradicional, o xogo e xoguete tradicional…etc. Aparte, coidase de que o resto de actividades sexan adaptadas á mocidade e faise un esforzo de difusión das mesmas dende os colexios e institutos da zona a través de charlas e reparto de matreial gráfico.
VOLUNTARIADO
O traballo organizativo na entidade é feito ao cento por cento por voluntarias e voluntarios, socios de Senda Nova na súa maioría que poñen o seu tempo libre e os seus principios ao servizo dos obxectivos da entidade.
Destacar e agradecer o sempre presente espírito de convivenza e o esforzo de organizadores e participantes, máis se cabe, naquelas actividades nas que as mesmas condicións climatolóxicas que pintan de verdes as nosas leiras esixen un esforzo extra aos participantes das nosas actividades.
PEQUENO COMERCIO
Perseguimos a coherencia á hora de mercar. Coidamos que os gastos da entidade vaian parar o máximo posible ao pequeno comercio. Ese comercio de proximidade é tamén ao que recurrimos no financiamento de proxectos que requiran axuda privada. Coidamos que é a espiral necesaria.
O NOSO RURAL, ECONOMÍA SOSTIBLE
Entendemos que a pérdida de poboación do rural é unha lacra social. Entendemos que evitar isto é tamén contribuir a unha economía sostible baseada nos sectores primarios e nas apostas pola cultura e o deporte como motores económico. Os servizos, as actividades e a dinamización das parroquias rurais pon o gran de area para unha maior relación social na parroquia e un maior orgullo pola mesma.
Creemos que o deseño de roteiros polas zonas rurais e a potenciación dos vestixios culturais esquecidos das parroquias contribún á potenciación deses valores. Deste xeito cóntase con entidades e persoeiros da zona na interpretacion dese patrimonio, e tamén coas presentación das mesmas nos centros sociais rurais, vertebradores da vida social das parroquias. Dende as HISTORIAS DE INVERNO e outros programas, tamén se ven contribuíndo á dinamización dos centros a través de diferentes propostas.