Unha moto, entre os case 200 kg retirados do Anllóns na XII Limpeza simultánea

Unha moto, entre os case 200 kg retirados do Anllóns na XII Limpeza simultánea

limpeza rios 19 4

A XII edición da Limpeza simultánea de rios organizada por ADEGA tivo hoxe domingo o seu día central cunha boa xeira de accións en todo o país con moitas entidades colaboradoras a prol da sensibilización ecolóxica polos nosos ríos. Galicia, o país dos mil ríos sofre un especial problema coas nosas canles e zonas de influencia, unha problemática contra a que se pretende loitar en este tipo de actividades.

Como en anos anteriores, dende Senda Nova coordinamos dende Bergantiños unha actividade de limpeza dentro do conglomerado de accións por todo Galicia. Este tipo de acción tivo tamén a colaboración do Concello de Carballo, mesmo presencial con varios compoñentes da administración local participando de xeito activo nas labores de extracción de materiais artificiais.

O tramo a limpar realizouse no río Anllóns, dende  Ponte de Bértoa ata o Bosque. Foi escollido o mesmo tramo que o ano anterior. Deste xeito puidemos establecer unha comparativa entre ámbolos dous anos, non só sobre o volume, peso ou tipo de material retirado, senón tamén valoracións sobre o caudal e tamén o estado dos taludes e ribeiras.

Un total duns 170 kg foron retirados por unhas 14 persoas dende as 11h ata as 13:30.  Non foi un peso inferior ao ano pasado, aínda que si un volume total inferior no conxunto dos materiais.

Entre os mesmos atopáronse restos  de escombros, plásticos e sobre todo toalliñas. Este tipo de utensilios atopáronse no mesmo lugar que en anos anteriores, nunha das canalizacións que verten ao río dende a súa marxe dereita. Ademais atopáronse restos metálicos, mesmo unha moto, situada tamén preto da marxe dereita do río. Este achado obrigou a poñer a situación en coñecemento das forzas de seguridade, que procederon á verificación do vehículo.

Agradecer a ADEGA e o Concello de Carballo e como non, a todo o voluntariado presente que, a pesar do orballo persistente, volveu a mollarse polos nosos ríos. Destacar tamén o carácter familiar da acción e a presencia de nenos e nenas. Importantísimo para os obxectivos desta actividade.