Co obxectivo da posta en valor dos lugares de importancia ambiental máis achegados e dende a acción local, existen actividades que focalizan o esforzo da entidade en proxectos que, a diferenza doutros como roteiros de sendeirismo, miran de xeito exclusivo a espazos naturais de relevancia dun xeito puntual.

Coincidimos fai tempo,  que necesitabamos proxectos que puxeran no punto de mira da protección, os lugares destacados de interese ambiental das comarcas de Bergantiños e Soneira. Accións específicas para potenciar os valores ecolóxicos, pero tamén culturais, sociais ou paisaxísticos dos lugares de maior riqueza.

XORNADAS DE INTERPRETACIÓN DOS HUMIDAIS

A comezos de febreiro temos unha cita celebrando o Día Internacional dos Humedais. Cada ano, nun humedal diferentes dos moitos da nosa comarca, establecemos unha programación específica de actividades que desexan poñer no punto de mira a importancia cultural, social e, sobre todo ecolóxica das máis importantes zonas húmidas da bisbarra.

Xornadas de interpretación en Traba de Laxe, na lagoa de Alcaián, no Esteiro do Anllóns ou mesmo en Baldaio, recollen actuacións de persoeiros relacionados directamente cos lugares, saídas ao medio e visitas ornitolóxicas na procura de colocar no mapa e na propia sociedade uns lugares de grande importancia ecolóxica.

XORNADAS DE INTERPRETCIÓN DOS BOSQUES

As Xornadas de Interpretación dos Bosques vertebran actividades de coñecemento de bosques da importancia das Fragas do Eume, aínda que as acción máis salientables concéntranse na xeografía máis próxima e co achegamento ao Bosque da Ribeira da Pena ( con actuacións continuas durante todo o ano), o Bosque da Berbia, ou entorno do río Bardoso.

Estas actuacións complétanse con visitas guiadas de escolares da zona a estes espazos así como a celebración do tradicional DÍA DA ÁRBORE,  con plantacións en familia de especies autóctonas. Todo coa fin de coñecemento e sensibilización sobre a situación das masas mellor conservadas e o fomento dunha actitude crítica sobre actuacións negativas para estes bosques.