Dentro da nosa aposta polo coñecemento,  recuperación e protección do patrimonio cultural, naceu o Inverno Ancestral. Un proxecto co que pechamos o ciclo de actividades anual  e co pretendemos coñecer e recuperar ese patrimonio inmaterial que urxe recuperar e potenciar se non queremos perder para sempre parte da nosa historia.

O Inverno Ancestral confórmase como un proxecto innovador e pioneiro no senso de unir baixo un mesmo programa, actividades diferentes pero cun nexo común: A recuperación das nosas tradicións. Unha viaxe ao tempo dos nosos avós para coñecer e contribuír á transmisión de elementos dunha cultura milenaria, transmitida de xeración e xeración, para mantelos no presente e no futuro.

Ningunha época do ano podería ser mellor que o inverno para adentrarnos nun pasado cheo de lendas, personaxes míticos, xogos populares, Xoves de Filmes… Na lembranza daqueles tempos en que o lume do lar era a mellor calefacción e as historias dos vellos arredor da lareira a máis proveitosa fonte de coñecemento.

Para recuperar as nosas tradicións o máis proveitoso é ir a onde estas naceron, ir o medio rural, ás nosas aldeas; e alí, fusionados coas súas xentes, auténticas enciclopedias cheas de sabedoría, coller o mellor dese mundo que nós non vivimos directamente pero que forma parte do que fomos e do que somos como pobo, un pasado que con este programa de actividades estará máis vivo que nunca.

Imaxinade unha vida sen ordenadores, sen televisión, sen radio… Imaxinade un mundo sen centros comerciais, nin xoguetes de plástico e con pilas… Un mundo de poucos recursos pero cheo de solidariedade, imaxinación e riqueza cultural.

Imaxinade, soñade e vivide con nós o Inverno Ancestral.

cartel 6º inverno ancestral

cartel 6º inverno ancestral


Deste xeito, o vindeiro 17 de decembro terá lugar a presentación do documental O ESFORZO DA SUBSISTENCIA, realizado a partires das gravacións realizadas nas HISTORIAS DE INVERNO. Este documental gravado en 21 parrroquias das comarcas de Soneira e Bergantiños trata sobre os traballos realizados das persoas narradoras a mediados de S XX. A dita presentación están convidadxs narradorxs e presentadorxs dos diferentes encontros realizados nos 21 lugares diferentes, así como público en xeral. Celebrarase no Espazo da Natureza de Oza o sábado 17 de decembro ás 12h.

A xeira de CONVERSAS DO RURAL desenvolverase a través da participación de Jesús Vázquez do Movemento en Defensa de Baldaio, Antonio Castro, investigador de Ferreira-Coristanco e Lois Guillín, veterinario do rural. As conversas serán encontros informais con estes persoeiros do rural, que terán diferentes visións e aportacións da súa actividade nas diferentes áreas. Estes encontros serán este venres 25 de novembro, o venres 30 decembro e o venres 13 de xaneiro, por este orde. O lugar será o propio Espazo da Natureza de Oza e a participación libre.

Dentro deste VI INVERNO ANCESTRAL teremos un apartado de aforro enerxético, con dúas accións relativas á enerxía solar fotovoltáica. A primeira delas en formato charla de iniciación o día 10 decembro no Espazo da natureza de Oza ás 10 horas e de participación libre. A segunda en formato obradoiro, a mesma hora no mesmo lugar o 11 de febreiro ( necesaria inscrición 35€), máis indicada á execución deste tipo de instalacións.

Dende Senda Nova acompañaremos ao APALPADOR , na súa visita cos ESPIAS NO BOSQUE ás escolas rurais da comarca. Será na semana do 12 ao 16 de decembro.

O DÍA INTERNACIONAL DOS HUMIDAIS celebrarémolo, como é tradicional, cunha visita ao ESTEIRO DO ANLLÓNS. Na excursión percorreremos os puntos máis interesantes dun dos espazos da zona de máis valor ornitolóxico. Será o sábado 4 de febreiro e será necesaria inscrición previa.

A revista ABRINDO CAMIÑO está de volta cun número novo onde intentaremos poñer foco nas desfeitas que ameazan o noso rural máis próximo así como as iniciativas interesantes de posta en valor dos recursos naturais e culturais da zona. A presentación será o vindeiro día 25 de febreiro ás 12 no Espazo da Natureza de Oza. A participación libre.

Con estas accións, o ESPAZO DA NATUREZA DE OZA encherase de contido e dinamización sobre o noso rural.

Descarga AQUI o cartel.