OBRADOIRO SENDA NOVA DA CRUZ VERMELLA, OS COMEZOS

No ano 2001, no seo da Cruz Vermella  Xuventude de Carballo,  crease o Obradoiro Medioambiental  Senda Nova. O programa é o primeiro de carácter medioambiental dentro da ONG en Galicia. Lévase adiante en  nove meses e con seis monitor@s  á vez que 25 nen@s de 5º curso de primaria dos colexios de Carballo.

A programación constaba de sesións de aula (nos locais da rúa Barcelona) e 3 saídas ao medio natural co obxectivo primordial de transmitir o coñecemento do patrimonio natural e cultural do concello de Carballo.

O balance do programa foi excelente, cunha grande aceptación por parte dos participantes,  que incluso seguiron coa vinculación á entidade noutras áreas da mesma. Mais o obradoiro medioambiental non tivo  continuidade.

http://www.lavozdegalicia.es/carballo/2002/04/09/0003_1039149.htm

FORMACIÓN DO COLECTIVO

Ten que ser cinco anos  máis tarde, en febreiro de 2006, cando a fermosa pegada daquel obradoiro  leva a unha xuntanza entre varios dos monitor@s e dous ou tres  exalumnos acompañados dos seus proxenitores. Aquel  día formase un pequeno  coletivo que, co apoio dos membros de Adega Costa da Morte, comeza a xuntarse para facer camiñadas polas parroquias de  Carballo. É o momento no que nace Senda Nova,  xa como coletivo independente.

Pouco a pouco e, pola acollida das pateadas entre varios membros do grupo, as mesmas fóronse abrindo a zonas máis descoñecidas e, Jose M. Menéndez, comeza co deseño minucioso dos roteiros de sendeirismo. Nos traballos non só  busca lugares onde camiñar, senón o patrimonio natural, cultural e paisaxístico. As antigas corredoiras comezaron a ser nexos importantes de unión nos percorridos , que tamén teñen coma premisa o afastamento do asfalto.

Non moito tempo máis tarde existe unha vertebración do territorio a través destas sendas que atravesan os lugares máis importantes da contorna. Cada traballo bautízao cun nome específico para aumentar a identidade do itinerario. Algunhas delas: Razo-Baldaio para protexer, Camiños de Aldemunde, Terras do Marqués… e como non:  As  Sendas do Apóstolo. O percorrido cara Compostela foi o primeiro deseño. O traxecto une a capital de Bergantiños coa de Galicia a través de corredoiras históricas e rico patrimonio cultural e paisaxístico.

COMEZO COS PERCORRIDOS INTERPRETATIVOS

A apertura deste e dos outros roteiros de sendeirismo cara o público en xeral en actividades organizadas polo coletivo, foi un paso importante. Aínda con isto, o traballo a prol deste tipo de actividades foi duro e con comezos de participación testemuñal.  Este tipo de actividades non estaban entón  establecidas en Galicia do mesmo xeito que en países veciños. Quizá o monte non gozaba da percepción actual, e a ilusión e o  traballo arreo e constante na organización de actividades con marcado compromiso polo patrimonio, así como o apoio de Protección Civil de Carballo, foi vital para que a participación fora aumentando de xeito continuo.

Axudou moito a realización das edicións polas Sendas do Apóstolo, un percorrido no que o fortalecemento social do grupo veu dado a través de camiñadas con marcado espírito de convivencia en varios días de actividade. As marchas repetíanse, incluso en BTT. Eran os comezos nos que Senda Nova colaboraba con diferentes entidades, unha das futuras premisas que se marcarían a posteriori.

Dentro dese espírito colaborativo e, a través do contacto dalgún membro con Asturies,  empezase a  realización de actividades abertas ao público no Parque Natural de Redes, con saídas organizadas por parte da Plataforma en Defensa de Redes e na época en celo dos cervos. No colectivo acabaríase tamén integrando Senda Nova.

O comezo destas actividades no país veciño foi importante para o estreitamento de lazos con diferentes entidades asturianas con obxectivos comúns, algunhas delas cun longo tempo organizando accións no medio natural.   Os contactos tamén foron importantes  para que seguiran aumentando as propostas fora de Galicia con obxectivos máis ambiciosos. Para a realización destas, mercase o primeiro telescopio, un gran punto de inflexión na entidade, que serviu, sobre todo, para un mellor estudo dos ungulados asturianos e, tamén, das aves migratorias que se achegan cada ano á Costa da Morte.

CONSTITUCIÓN COMO ASOCIACIÓN  AMBIENTAL, ESPÍRITO VOLUNTARIO

No verán  do ano 2008 formase, por fin, a Asociación Ambiental Senda Nova, unha entidade sen ánimo de lucro formalmente constituída que ten como fins principais a protección e posta en valor do patrimonio ambiental e cultural. Entre as formas de acadar estes  obxectivos destacarían  as actividades de carácter deportivo no medio natural, así como a realización de proxectos en colaboración con entidades e plataformas sociais. Tamén se especifica nos estatutos, de xeito especial,  a prestación de servizos a mocidade.

A primeira Xunta Directiva compóñena Raquel Sande como vogal, Mónica Andrade como tesoureira, Gema Moreira na secretaría e Miguel Ángel Baldomir na vicepresidencia de Senda Nova. Ao fronte do colectivo seguiría Jose M. Menéndez, ocupando a presidencia do mesmo.

A organización de actividades polos roteiros deseñados seguía a ser a aposta máis forte da asociación, que tamén tiña xa participado en diversos concursos de entroido reclamando obxectivos  ambientais. Ademais deso, mantíñanse as visitas á Asturies e comezase coa celebración de xornadas de achegamento aos bosques así como a celebración do Día da Árbore, actividades que chegan ata os nosos días.

 

PRIMAVERA EN RUTA, PRIMEIRO PROGRAMA DE ACTIVIDADES

No ano 2009 levase a cabo a PRIMAVERA EN RUTA. O primeiro programa de actividades como tal, aglutina  nun mesmo cartel seis roteiros deseñados para ser percorridos en actividades abertas ao público  e  con marcado carácter interpretativo. Grazas ao apoio dos concellos comezase coa edición do material gráfico con información recopilada nos traballos previos, e que afonda no coñecemento de cada itinerario.

O balance do proxecto non pode ser máis positivo en canto a participación  e desenvolvemento das actividades, nuns itinerarios que comezaron a presentarse nas parroquias polas que pasaba antes de ser percorridos.  Os deseños  cobran entón importancia e personalidade propia, e aumentase o contacto coas entidades locais e persoeiros de cada zona.

Con este xeito de traballar realizase no ano 2010 a II PRIMAVERA EN RUTA. O programa consta xa de oito itinerarios: RAZO-BALDAIO PARA PROTEXER, CAMIÑOS DE ALDEMUNDE, O SON DO ANLLÓNS, TERRAS DO MARQUÉS, PEGADAS DO WOLFRAMIO, CORISTANCO HISTÓRICO e FORDA DO RÍO CHONIA, un percorrido, este último,  xa  íntegro fora da Costa da Morte, en territorio de Trazo. A estes deseños uníase AS SENDAS DO APÓSTOLO, que se celebraba polo verán, e tamén TERRAS ALTAS DE SONEIRA. Este último percorrido polo concello de Zas, abría a asociación á comarca de Soneira nesta II PRIMAVERA EN RUTA,  cun itinerario traballado por Evaristo Domínguez Rial.  A través da incorporación de Evaristo a Senda Nova, a actividade do colectivo sufre un salto de calidade e de traballo importante. O traballo de deseño de itinerarios  que ata ese momento recaera  principalmente en Jose M. Menéndez, ábrese dun xeito importante  a Evaristo Domínguez Rial, e márcanse protocolos  para traballos posteriores. A labor interpretativa do historiador de Zas marca a personalidade propia das actividades interpretativas.

O 2011 segue o continuo ascenso na participación nos roteiros e segue o compromiso de organizar actividades que percorran o patrimonio que une cada un deles, a lo menos unha vez ao ano ( compromiso que mantemos ata a actualidade). Isto conséguese grazas á axuda dos concellos ( principalmente A Laracha, Carballo e Coristanco), e tamén á filosofía e ao voluntariado (verdadeiro carácter da entidade),  que suma ilusión e compromiso dun bó número de persoas de todas as idades e lugares de Bergantiños, verdadeiramente imprescindibles para a organización e colaboración.

Destacar tamén a colaboración das diferentes entidades locais e, como non, Protección Civil de Carballo, piar fundamental na axuda  e na ausencia de incidentes dignos de mención.

 

2011, IMPULSO A TRAVÉS DA ADQUISICIÓN DE MATERIAL

Neste mesmo ano aumentase de xeito exponencial os equipos ópticos e mercase un Land Rover Discovery,  que pasaría a ser fundamental para unha entidade que  segue a crecer.  Os traballos de deseño seguen a medrar e constitúese un novo programa de rutas: O OUTONO EN MARCHA,  que ven a aglutinar uns deseños de roteiros que non teñen cabida só na PRIMAVERA EN RUTA  e que chegan aos 14.

Comezase ese ano cos roteiros nocturnos, traballando a figura do lobo, e as saídas interpretativas cos colexios e institutos aumentan. Os destinos inclúen costa e interior, vertebrándose sempre a través do obxectivo principal do coñecemento de espazos da zona. As XORNADAS DE INTERPRETACIÓN DOS BOSQUES  é o seguinte programa que se suma aos demais citados. Despois chegarían as celebracións do Día dos Humedais a través de xornadas de interpretación, e tamén  o VERÁN AO NATURAL, que inclúe cursos de cartografía, encontros con entidades doutros lugares, roteiros nocturnos, a berrea …etc.

 

2012 BOTASE A ANDAR A ESCOLA AMBIENTAL ( Obradoiro Sendas Carballo)

Outubro do 2012 traería outro punto de inflexión á entidade. O OBRADOIRO AMBIENTAL SENDAS CARBALLO supoñía unha aposta forte pola nosa xuventude. 10 nenos e nenas de 5º, e algo máis de media ducia de monitor@s  voluntari@s, levaban adiante un proxecto coordinado por unha novísima Eva Cameán, que entrara na entidade froito da estreita colaboración da mesma co IES Parga Pondal nos roteiros de sendeirismo. O Obradoiro  voltaba aos orixes de Senda Nova, intentando mostrar a través de sesións de aula e saídas ao medio, o patrimonio natural, cultural e paisaxístico de Carballo. O programa extendíase de outubro do 2012 a abril do 2013 e insuflaba aire novo nos proxectos de Senda Nova á vez que se constituía como canteira da entidade no proxecto máis ambicioso de todos os realizados.

O 2013 tamén foi escenario dun proxecto pioneiro: PINTAMOS MOITO. O programa de pintado de muros en mal estado na capital de Bergantiños, realizabase a través dun encaixe de colaboracións: Artistas locais, Concello, tendas de decoración, voluntari@s de Senda Nova e nenos e nenas, que deixaron a súa pegada imaxinativa en catro muros carballeses.

Ademais dos programas mencionados, no 2013 manteríase o traballo coa mocidade de Bergantiños a través do Obradoiro Ambiental Sendas Carballo, aumentando a participación dos nen@s no mesmo, e mellorando as ferramentas e instalacións, ao transladarase  as sesión de áula dos sábados ao Horto Ecolóxico Infantil.  Aparte desto, o Concello de Carballo encárgalle a Senda Nova a posta en marcha das actividades o resto dos días, nun espazo que pasa a ser referencia na formación en agricultura ecolóxica para os máis novos. O Horto recibe os coidados necesarios e mantense aberto. Créanse varios obradoiros como a Pequehorta, obradoiros de observación e convivencia, con colectivos de necesidades especiais…etc. A actividade contínua de Senda Nova  no horto alóngase ata o verán do 2014.

 

O INVERNO ANCESTRAL ENCARGASE DE PECHAR POR VEZ PRIMEIRA UN ANO ENTEIRO DE PROGRAMACIÓN

Foi un ano, o 2013 no que se constitúe un novo programa que viría a cubrir os meses de decembro, xaneiro e febreiro. O Inverno Ancestral comezaría con catro actividades: De posta en valor do Apalpador, de herbas mediciñais, de xogos tradicionais e as xa tradicionais xornadas de conmemoración do día internacional dos humedais. O programa ten como denominador común as actividades en lugares pechados e a posta en valor do patrimonio inmaterial.

 

 

 

SENDA NOVA INTERNACIONAL: O PROXECTO X.E.M.

No comezo do verán do 2014 súmase un proxecto no que se viña a traballar dende comezos de ano: O proxecto X.E.M. ( xuventude, europa, medioambiente).  O programa foi cofinanciado pola UE e nel colaboraron institucións privadas e públicas, destacando a do Concello de Carballo.  O proxecto XEM constituía o reto máis importante en toda a historia da entidade, un salto na calidade organizativa e un enorme traballo d@s voluntari@s. Senda Nova convivíu, durante unha intensa semana de actividades, con entidades de Eslovaquia, Italia e Francia, que levaban anos de experiencia en proxectos internacionais, que se vertebraban a través de persoal remunerado e que, moitas delas, xestionaban edificios de unión social nas súas cidades de orixe.

O esforzo do voluntariado de Senda Nova, como entidade que acolle en Bergantiños o proxecto, foi  vital para a consecución do mesmo dun xeito aceptable.

O proxecto puxo no mapa europeo  moitos lugares de interese ambiental da zona, como Baldaio ou a Ribeira da Pena á vez que levou á mocidade europea a coñecer festas como o Asalto ao Castelo ou lugares como  museo do liño de Carreira.

As actividades completábanse con festas interculturais, pintadas en muros e proxectos feitos polos mesmos participantes, onde se intentaban mitigar problemáticas ambientais detectadas na zona.

O proxecto europeo trouxo un intercambio de experiencias e de lazos de unión con diferentes colectivos europeos, dando lugar á participación de Senda Nova noutros programas ambientais para a mocidade. Estes programas levan a varios membros da entidade  á participación en accións en varios puntos do vello continente, poñendo en común problemáticas ambientais de diferentes países europeos e aprendendo na dinamizacións de accións a prol do patrimonio.

 

VOLTA DE TUERCA NAS ACTIVIDADES E AS SEMANAS DE NATUREZA E PAISAXE

No outono do 2014 auméntase a duración do obradoiro ambiental, modifícanse os contidos e ábrese a escolares doutros puntos da comarca. A maior ambición do proxecto trae consigo o cambio de título dun programa referencia, no que o maior activo seguen sendo @s voluntari@s monitores que comezan a traballar no que sería xa a ESCOLA AMBIENTAL DE SENDA NOVA.

Aumenta a colaboración con colexios e institutos de Bergantiños e Soneira, ofrecendo dende Senda Nova un bó número de charlas nos diferentes centros de ensino. Aínda así, o maior aumento centrouse nas saídas ao medio. Mención especial son as actividades para o Concello de Carballo dentro do programa Carballo Mirando ao Mar, da administración local. Este proxecto leva aos alun@s de primaria e secundaria dos centros carballeses á costa do concello a través de actividades interpretativas que teñen como nexo a actividade deportiva e os valores ornitolóxicos de Baldaio.

SENDA NOVA CON MÁIS SOCIEDADE

Durante estes anos, Senda Nova intégrase na Plataforma en Defensa de Corcoesto e Bergantiños, na defensa do noso medio e na loita contra a mina de ouro.  Deste xeito, a nosa entidade, segue a unir esforzos co resto de entidades sociais con fins comúns. Fixérao xa coa integración na Plataforma en Defensa de Redes, coa defensa dos Penedos de Traba e Pasarela…etc , e fai moito menos tempo, xuntaría esforzos coas entidades veciñais, na posta en valor de Monte Neme.  Senda nova  colabora tamén con proxectos impulsados por outras entidades, destacando as limpezas simultáneas de ríos e costas impulsadas por ADEGA.

As foliadas e os magostos pasan a ser o punto de encontro de todos os persoeiros que, ao longo do ano, colaboran e participan na multitude de actividades que se organizan dende o colectivo. A foliada de verán é  colofón dos programas de Primavera en Ruta e das Semanas de Natureza e Paisaxe, que se suman estas, á ampla oferta dinamizadora. O proxecto ten como ideas as propias de voluntari@s e participantes, e ofrecen cursos de fotografía paisaxística, obradoiros de bioconstrución, apicultura…etc… na que, coma sempre, colaboran diferentes asociacións durante a estación das flores.

Co magosto presentase o INVERNO ANCESTRAL que, na edición do 2014-2015 pasa de catro a máis de 15 días de actividade. Un bo número deles constitúeno as HISTORIAS DE INVERNO, unha forte aposta de Senda Nova pola recuperación da tradición oral a través das xornadas onde os máis vellos, transmitían a información ancestral aos máis novos. A historia de cada parroquia é repasada a través de temáticas diferentes en cada un dos recunchos das comarcas da Costa da Morte. Máis accións como a de xogos e xoguetes tradicionais , que teñen coma nexo común o patrimonio inmaterial, completan a oferta do programa.

 

Neste último curso de actividades 2015-2016, a Asociación Ambiental Senda Nova mantén os programas  coa oferta aumentada. Hoxe en día son un total de 16 roteiros deseñados, a maior parte por Evaristo Domínguez Rial e Jose M. Menéndez. Seguen a organizarse actividades para camiñalos  grazas ao apoio fundamental dos concellos, nos diferentes programas que perseguen a premisa de percorrelos a lo menos unha vez por ano.

O programa Inverno Ancestral chega xa a súa 3º edición con máis de 20 días de actividade. Esta última edición ampliouse, dándolle un impulso á figura do Apalpador dende as escolas, como non, co apoio dos mesmos centros de ensino.  Xornadas de interpretación dos humidais, de posta en valor do xogo e xoguete tradicional, excursións e, como non, as propias Historias de Inverno, completan un programa, que convive durante meses, cunha  Escola Ambiental de Senda Nova  á que este ano se apuntan xa 32 nen@s de diferentes concellos de Bergantiños.

O ano 2016, do décimo aniversario do colectivo, comeza con este programa invernal ao que lle seguen as Xornadas de Interpretación dos Bosques, que pretenden poñer en valor o bosque autóctono máis cercano. Ás actividades no medio únese a calebración do Día da Árbore, con claro protagonísmo infantil, na tradicional plantación conxunta.

 

CRECEMENTO EN ACTIVIDADES E PROGRAMACIÓN ANUAL COMPLETA

Coa tamén tradicional Primavera en Ruta, que chega á 7º edición, convive a Escola Ambiental e as Semanas de Natureza e Paisaxe  que, nesta segunda edición, propóñense dignificar a figura do cabalo galego e aprender máis dende Negueira de Muñíz da autoxestión dos recursos.

O Verán ao Natural seguirá sendo  o proxecto que máis nos achegue á natureza, con roteiros nocturnos, cartografía e época en celo dos cervos. Chegará un novo e xa 5º Outono en Marcha e unha nova edición da nosa escoliña ambiental.

Senda Nova situase nun ano 2017 cunha xunta diretiva con Jose M. Menéndez como Presidente, Eva Cameán como tesoureira e Ángela Cambón como secretaria. O grupo de voluntari@s activ@s completano Carmen Mallo, Alberto Castro, Moncho Ríos, Andrea Castro,Dani Castro e Vitor,  con Juan Lorenzo e Esther García permanecendo como vogais da Xunta Diretiva. Pero aparte da labor organizativa, moitas son as persoas e entidades sen as cales as actividades non se poderían desenvolver do mesmo xeito. A todas elas: Grazas.

No 2016 Senda Nova propuxo  diferentes actos de celebración dos 10 anos de existencia e de compromiso polo medio: ABRINDO CAMIÑO. Un 2016 cun novo record en días de actividade aberta aos participantes. Case que oitenta xornadas anuais de actividade cunha filosofía precisa e concreta de posta en valor do riquísimo patrimonio que temos nesta Costa da Morte.

A todas estas xornadas é obrigatorio engadir os proxectos internacionais onde imos a participar, que teñen como destino Eslovaquia e Francia.

Pouco a pouco, en Senda Nova, fomos facéndonos con ferramentas imprescindibles para o desenvolvemento das actividades. Aparellos básicos para as nosas saídas e para as actividades de aula. Aínda así, na asociación non dispoñemos do ansiado local que nos permita gardar todo ese material e que sería, por outra banda, accesible ás múltiples e diferentes accións que vimos realizando , e tamén, acorde con toda a capacidade dinamizadora. Con todo, o maior activo, sen dúbida, é o traballo d@s voluntari@s.

O corazón da entidade late a través das xuntanzas semanas organizativas (moitas veces dúas por semana), que artellan o organigrama de acción da asociación.

Esta  acción debuxase integramente a través dun grupo de persoas  con premisas concretas de traballo polo medio, con ilusión previa de amor polo territorio,  e con integración nunha auténtica filosofía de voluntariado e de crer nunha canteira artellada a través da Escola Ambiental, que forma aos máis novos no crecemento da asociación.

Neso andamos.

Se queres, podes mollarte con nos.