Camiñando tralas Pegadas do Wolframio

Camiñando tralas Pegadas do Wolframio

10 Outono en Marcha. pegadas do wolframio

10 Outono en Marcha. pegadas do wolframio

 

Arredor de 40 valentes camiñantes se abriron paso este pasado domingo tralas frías e xeadas Pegadas do Wolframio, a penúltima das actividades deste X Outono en Marcha.

A ruta comezaba preto das 8:30 da mañá no impoñente peto de ánimas da parroquia de San Breixo de Oza, e logo de visitar a igrexa parroquial.

O grupo dirixiuse paseniñamente até o núcleo das Torres, onde grazas a toponimia puidemos ser quen de imaxinar o lugar onde antigamente se situaban dúas torres defensivas, aínda hoxe podemos ver algúns restos dunha antiga capela que formou parte dunha posterior construción que aproveitou as propias torres para ser levantada.

Gozando das primeiras raiolas de sol, que comezaban a quentarnos os gorros de lá, chegamos a un dos puntos máis interesantes da ruta, a casa de Roberto, un dos nosos socios que nos abriu as portas do seu fogar e nos preparou unha perfecta charla de iniciación aos conceptos básicos da bioconstrucción a través dos cales reformou a súa vivenda. Foron moitas as caras de abraio e deceas as preguntas que foron xurdindo ao ver como unha casa pode estar feita nunha grandísima parte con materiais naturais coma o barro, a palla, a madeira… etc

Cando rematamos coa visita dirixímonos xa cara o Monte Neme e preparámonos para encarar as costas que nos esperaban antes de comer o bocadillo. Paseniñamente fomos chegando a cima, pero non sen antes parar en lugares tan interesantes coma as casas das minas, onde recibimos unha clase maxistral sobre o que supuxo o Monte Neme a nivel histórico na extracción de wolframio, e o que supuxo a nivel social a minaría neses tempos.

Continuamos o camiño até parar na fonte de Santa cristina e posteriormente no lugar onde se cree que estaba situada a antiga capela que levaba o mesmo nome, e que veneraba a dita santa. Esta capela foi posteriormente destruída até non quedar ningún rastro dela.

Comemos o bocadillo para repoñer forzas preto da Eira das meigas, e antes de reanudar de novo a marcha tivemos a sorte de contar de novo con explicacións de Adrián Eirís, coordinador da plataforma en defensa de Monte Neme, que nos achegou as diferentes lendas que hai entorno ao monte, a historia do crómlech que foi destruído , o que representa a actual Eira das meigas, a evolución histórica do entorno no que nos atopábamos e sobre todo as ameazas e agresións que sufriu o monte e as que segue a sufrir a día de hoxe.

Xa máis descansados e en lixeiro descenso fomos baixando do Monte Neme xa por territorio malpicán, chegando paseniñamente a Aviño e rematando o roteiro na fermoso e recóndita praia do Riás. Un lugar fermoso e unha paisaxe inmellorable para poñerlle fin a interesante andaina que estivo marcada polas reflexións e a información tan didáctica que nos ofreceron Evaristo, Adrián e Roberto, facendo unha labor interpretativa impagable.

Entorno as 18:30 da tarde subimos no bus e dispuxémonos a coller folgos para a última das andainas do X Outono en Marcha que se celebrará o vindeiro domingo pola ruta das férvedas. Con moita mágoa de rematar un programa no que cada domingo compartimos tantas e tantas vivencias, coñecementos e risas con participantes de auténtico luxo.

O noso máis fondeiro agradecemento a todas as persoas que fan posibles estas rutas: participantes, voluntarias e voluntarios, concellos e cada unha de vós que estades aquí detrás léndonos e interesándovos polas nosas iniciativas.

 

 

Outono En Marcha. Pegadas Do Wolframio

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank