A historia de cada corredoira ven labrada en anos de traballo nos muros que a enmarcan. En décadas de paso de carros do país e xente en zocas cara a festa do patrón. En séculos de paso de diferentes pobos que uniron aldeas, tradicións… cultura.
Fai xa décadas que cada un destes camiños se detivo no tempo. Abandoados polo motor e a intelixencia asfáltica e televisiva dunha sociedade contemporánea capaz de vender todo a cambio de pouco, de regalar quilómetros de traballo nas pedras e de identidade, á satisfacción e orgullo pola moda destrutiva.
Mais ahí, no mesmo espazo físico, mantense a historia; as pedras; os carballos, abeleiras, loureiros e buxos, como a axuda autóctona agarrada desesperadamente e con forza con cada unha das súas raíces. Para que o vento contaminado da modernidade non acabe de facelos fuxir por completo, buscan a complicidade, á unidade entre historia, ecoloxía e paisaxe e tamén, como non, ese grupo humano que lles de o sentido ao fin primeiro para o que foi construída: Camiñar.
Sen dúbida, estas sete edicións da PRIMAVERA EN RUTA non van ser a solución ao abandono físico e sentimental destas vías antigas nesta Costa da Morte. Moi seguro que fai falta unha mentalización social moito máis ampla para chegar a protexelas.
Aínda así, este sétimo programa de rutas ven dicirnos e afianzar aínda máis, a crenza de que a vida dos nosos camiños e o sentimento pola historia, polas pedras e as especies que os enmarcan, depende, en gran medida da xente con compromiso que agarda, parada no camiño e ulindo os loureiros, a explicación sobre a flor feminina dun carballo ou mesmo sobre a pegada dun raposo feita no fondo dun chan lameiro.
Os máis de 300 participantes nestas oito marchas do programa, teñen aínda máis claro que o reduto das corredoiras é un dos que alberga o pouco que nos queda de árbores autóctonos.
A beira dos ríos é outro deses espazos con sombra de árbores galegos, outro dos obxectivos, nos laboriosos e tan pouco apreciados traballos de deseños de percorridos. Son do Anllóns, Ríos de Sofán ou Forza do Río Chonia, representan as viaxes fora do asfalto e a carón dos ríos galegos. Uns ríos aos que lle estamos sacando diariamente identidade e espazo no formigonado das súas beiras, na eliminación da vexetación de ribeira.
As demais rutas deste programa divídense entre o noso interior: Como Coristanco Histórico, Terras altas de Soneira ou Ruta das Mámoas; e a nosa costa, representada en Camiños de Caión e Costa Agreste de Cerqueda e Cambre.
Seguir organizando, aprendendo e gozando da nosa paisaxe é a premisa, para espallar o que se poida, a idea de que nesta mesma terra, temos o tesouro que necesitamos. Por iso agradecer a colaboración dos concellos da Laracha, Zas, Malpica de Bergantiños, Coristanco e Carballo, así como todas as demais entidades e persoeiros que axudades a escanear o mellor posible este recuncho de Europa.
Se na mesma caravana multicor de cada unha das marchas, seguimos contando co pulo destes participantes e , sobre todo, desta rapazada coa que seguimos a gozar, ben seguro que o futuro será un chisquiño mellor.