Apágase o lume deste 6º inverno ancestral

Apágase o lume deste 6º inverno ancestral

 

Esta semana vimos de realizar as dúas últimas actividades que formaron parte dun 6º INVERNO ANCESTRAL  que este xoves chegou a súa fin apagando a lareira até o vindeiro ano.

Case dúas decenas  de propostas condensadas en dous intensos meses de actividade, compartindo ademais temporalización con outros programas da entidade como a Escola Ambiental e as xornadas dos humidais, dando lugar a intensas semanas nas que chegaron a realizar até 3 actividades por semana.

Foi un inverno ancestral de crecemento en moitos sentidos. Seguimos un ano máis apostando por actividades que creemos imprescindibles para poñer en valor e preservar o noso patrimonio, tanto material como inmaterial.

As Historias de Inverno abríronse paso un ano máis, acadando este pasado mércores a parroquia número 30 de cantas visitamos dende os nosos comezos, fai xa 5 anos. As Historias de Inverno de Rus tiveron lugar ás 19:00h no centro social de Ramil nunha xornada de gravación e coloquio ben interesante e das máis numerosas deste ano en canto a número de narrador@s, xa que contamos  nesta ocasión coas testemuñas de catro protagonístas:  María, Hermitas, Jesusa e Antonio que,  acompañadas de Lucía ( exercendo o seu papel de presentadora e moderadora do acto), deron lugar a unha velada de aprendizaxe. Un fermoso percorrido pola historia recente da parroquia na que saíron cuestións ben interesantes como os duros traballos que realizaban na telleira, as fantásticas augas medicinais que posuían na parroquia, a fermosa historia sobre o pobo asolagado de San Quintín,  e tamén, un sinfín de  anécdotas que nos fixeron achegarnos máis a este lugar do concello de Carballo.

Durante este inverno foron un total de 5 as parroquias visitadas durante as Historias de Inverno. Sumándose a Rus, visitamos  as parroquias de Castriz, Cambre, Cereo e Carreira. Todas elas ben interesantes e con temáticas únicas e particulares que lle engaden aínda máis un punto de encanto a esta programación.

Tamén continuaron os XOVES DE FILME cunha nova xeira de proxeccións que continúan coas que vimos realizando dende vai tempo no Espazo da Natureza de Oza todos os xoves ás 19:00h. Tentamos con elo darlle pulo e visibilidade a pequenas producións audiovisuais relacionadas con temáticas ambientais, culturais, sociais… proxectándoas no rural e tentando darlle vida ao Espazo da Natureza. Durante este inverno realizáronse 6 proxeccións, nas cales tivemos a sorte de contar coa presenza de persoas relacionadas co filme a proxectar. Foi en dúas ocasións:

Na proxección de Aberto e Con Fume acompañáronos  membros da comunidade de montes de Tameiga que nos falaron non só do documental, senon das problemáticas actuais que están a vivir.

Tamén no documentario proxectado este pasado xoves, “Volveré y seré millones, homenaje a Berta Cáceres”, contamos coa presenza de membros da ONG Enxeñería sen Fronteiras , falándonos da actual situación que se vive en Honduras e dos proxectos de cooperación que están a realizar en dito país. Unha xornada moi interesante que pechou a programación do 6º Inverno Ancestral, e que contou con numerosos participantes  interesados no filme e no posterior coloquio. Agradecerlle a productora Kinorama Colombia a súa colaboración.

Aproveitamos tamén esta programación para tentar darlle pulo e proxección ao noso recente documental “Hoxe quen Baila” que presentamos hai un meses, proxectándoo na Casa do Oleiro de Buño o pasado mes de xaneiro. Como non, tamén pendurándoo en liña para facelo máis accesible para toda aquela persoa que estea interesada en visionalo.

Foi unha programación intensa, na que seguimos conservando actividades que vimos facendo dende anos atrás, como os xa mencionados Xoves de filme,  as Historias de Inverno, ou o Apalpador,  que visitou un ano máis a Biblioteca Rego da Balsa polo nadal. Pero tamén para novas propostas invernais como a excursión aos Ancares que realizamos o 12 de xaneiro, e na que percorremos unha fermosa ruta a pe nunha fría mañá de xiada, e unha interesante visita a unha palloza , que foi todo un luxo para pequenos e maiores.

Tivemos tamén un interesantísimo faladoiro de Hábitos Saudables na Alimentación, impartido pola asesora nutricional Noa Vázquez no Espazo da Natureza de Oza, o 14 de decembro, case inaugurando a programación de inverno, e no que un numeroso grupo de persoas se interesaron e acudiron para aprender novos coñecementos sobre unha temática tan importante e que inflúe tan directamente na nosa saúde.

Pero este inverno, ademais, trouxo con el un auténtico soño cumprido, o CONTAR de Celso Sanmartín.

Tivemos a inmensa sorte de poder compartir esta contada, emotiva e divertida no Espazo da Natureza de Oza, o pasado 21 de decembro, unha data que non se nos esquecerá nunca xa que se cumpriu o soño de poder ter entre nós, no tan ben querido ENO, a un grande entre os grandes. Celso Sanmartín emocionóunos e foi quen de case arrincarnos unha bágoa case ao mesmo tempo que un sorriso. Con esa enorme capacidade e sentimento tan difícil de atopar e que moi pouca xente ten. Un pracer contar con el nas nosas Historias de Inverno, e un auténtico referente, non só pola súa labor de transmitir, senon a de recoller grazas a ese traballo que ven realizando dende tanto tempo a pé de aldea, a pé de rural galego, a caróns d@s nos@s maiores.

Un inverno de crecemento, de novas actividades, de soños cumpridos, de sumar parroquias e testemuñas gravadas que non quedarán perdidas no esquecemento. Que un ano máis sae adiante grazas a colaboración e unión de moita xente, sen a cal sería imposible facelo. Que grazas a tod@s el@s puidemos achegarnos ás 400 persoas nas actividades expostas deste programa que rematou, e que agardamos servirán nun punto máis de concienciación e coñecemento.

Obrigadas con todas as voluntarias e voluntarios que xoves tras xoves abriron o Espazo da Natureza de Oza, para proxeccións, para apuntamentos, para mantemento do local… a todas as voluntarias que organizaron, ou colaboraron en cada unha das actividades, a todas as narradoras e narradores das HISTORIAS DE INVERNO, que nos permitiron afondar nas súas vidas e compartilas con nós, e as presentadoras e presentadores que fixeron posible atoparnos con este luxo de persoeiros.

Grazas a todas as colaboradoras que viñeron a aportar os seus coñecementos nos faladoiros, nos coloquios, nos debates… e a todas as asociacións que colaboraron coas Historias de Inverno facendo que todo fora moito máis sinxelo.

Unha arañeira , un encaixe de bolillos, único e imprescindible, que fai que sigamos medrando en cada actividade.

Enormemente agradecidas e emocionadas de pechar esta programación cuns resultados tan positivos, e unha chea de emocións gardadas no peto.

Xoves filme Tameiga 5

Historias de Cereo 4

Historias de Cereo 4

Hábitos saudables alimentacion 2