Cun mar amable azul turquesa

Cun mar amable azul turquesa

8º PR Costa agreste de cerqueda e Cambre

8º PR Costa agreste de cerqueda e Cambre

 

Se un bo día nos da por ler mapas para unha visita á costa máis descoñecida, quizais nin con esas chegariamos  a Cerqueda.  Sería un erro porque a parroquia bergantiñá conserva, xunto con Cambre, no mesmo concello malpicán, unha das saídas ao mar máis virxes e espectaculares das que nos podemos empapar nesta Costa da Morte.

Se o viaxeiro é hábil coa cartografía pode mesturarse coa paisaxe dende os fértiles labradíos interiores onde se asenta, con amable armonía da contorna, o Pazo de Loroxo e o Castro da Croa, vestixio bandeira da parroquia e do traballo social. Tamén pode comezar na igrexa de Cambre, cerquiña da materia prima da oleiría, no lugar dos Barreiros. Sen dúbida un bo limiar que predispón a camiñada ao bravío do Atlántico.

Incluso se foi máis previsor e quixo exprimir a xornada e achegala ao coñecemento, de xuro que levará no peto máis accesible da mochila, un libro onde Xosé Manuel Varela plasma o amor en coñecemento, estudio e activismo. Os libreiros especializados ofreceríanlle tamén o caderno nº 18 do Instituto de Estudos Bergantiñáns onde, como nos 17 anteriores, se fai un escaneo intensivo das parroquias, neste caso de  Cerqueda. Os autores non son outros que unha boa presa de estudosos amantes da cultura e o medio natural como Evaristo Domínguez Rial. Ilusionados e esforzados profesores capaces de marcarnos camiño ás xeracións vindeiras.

Unha opción fora do común sería que ámbolos dous persoeiros camiñaran con nos polos amplos espazos de Cambre e Cerqueda, e que a interpretación verbal adquira protagonismo en forma de entusiasmo e coñecemento.

A pasada andaina pola COSTA AGRESTE DE CERQUEDA E CAMBRE conseguiu que máis de medio cento de persoas acompañaran de xeito paseniño a Evaristo e Xosé Manuel por lugares de ficción ao alcance das mentes máis inquedas, dos observadores máis minuciosos para entrar na devesa dos conventos ou na escondida furna das grallas.

Mais os muíños da Ribeira, colocados na auga doce para facer foto perfecta co mar, acceden a estoupar nos sentidos dos camiñantes menos activos á vez que nos esconden segredos xeolóxicos milenarios con formas tan caprichosas como o propio océano no labrar da costa.

Sen dúbida, as retinas do público puideron comprobar a acción da natureza e do mar bravo na meirande parte dun recorrido intenso en emocións. Difícil de entender como cen metros de costa se veñen abaixo nunha xornada ou as formas retorcidas de vexetación do Riás por mor do vento e da salitre. O vento do mar trouxo desta vez calma para poder aprender en silencio destas fermosas paraxes. Cun mar amable de azul turquesa.

 

8º PR Costa agreste de cerqueda e Cambre

8º PR Costa agreste de cerqueda e Cambre

 

 

 

8º PRIMAVERA EN RUTA Costa Agreste De Cerqueda E Cambre

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank