Espazo da Natureza de Oza. Un ano cheo de vivencias, actividades e sorrisos.

Espazo da Natureza de Oza. Un ano cheo de vivencias, actividades e sorrisos.

Espazo da Natureza de Oza

Para a maioría da xente, o día de noite vella e ano novo, son datas de reflexión, de balances e de novos propósitos. E para nós, coma se de fin de ano se tratase, cando chega o verán e as noites se van facendo cálidas até que collen a denominación de: ” Hoxe vai unha noite de San Xoán”, significa que unha intensa tempada cargada de actividades remata, e é tempo de comezar coas actividades de verán e de comezar a preparar os novos proxectos de cara a o mes de outubro, que é para nós cando comezan a maioría de programas da entidade ( Outono en Marcha, Escola Ambiental, etc).

Nestas cálidas noites comezamos a facer balance de todo o vivido durante o ano,  de todo o aprendido e reflexionamos sobre os proxectos que saíron a diante e da forma de melloralos. E son neste tipo de balances cando nos damos conta de como pouco a pouco, puxemos o noso graíño de area para tentar que un espazo que de primeiras quedou sen vida de un día para outro, coa traxedia que está vivir o noso rural, no que seguen pechando escoliñas e tendo cada vez menos servizos, como foi o caso da Escola unitaria de Oza, e que agora, aínda que soñamos con que un día non moi afastado Oza volva a ter a súa Escola unitaria como se merece, dende Senda Nova tentamos que este espazo se converta nun lugar de dinamización cultural e de protección da natureza, pero sobre todo un lugar con xente, un lugar con nenos, un lugar con actividade e un lugar con sorrisos, por que para isto foi construído.

Durante  este ano foron diversas as actividades que se realizaron no espazo, e as actuacións de acondicionamento do mesmo. Comezando por equipar a aula principal e acondicionándoa para que sexa unha aula polivalente, na que tanto se poidan realizar charlas, como proxeccións, obradoiros etc. Agora esta aula conta tamén cunha humilde biblioteca que pouco a pouco se vai facendo máis grande grazas ás doacións de moitas persoas, e das publicacións que vamos adquirindo dende a entidade pouco a pouco. E que serve para achegar a pequenos e maiores a diversos libros de lectura, guías de natureza, guías de patrimonio, publicacións de autores locais, enciclopedias, albumes ilustrados, etc Dos cales a maioría se poden levar en préstamo, e todos eles se poden consultar no propio espazo.

 

Durante todo o ano o espazo estivo aberto  os xoves e venres de 17:00 a 20:00h , e a maioría de sábados acolleu as sesións de aula da Escola Ambiental Senda Nova, nas cales dúas ducias de rapazas e rapaces aprendían a través de dinámicas, xogos, proxeccións e diferentes actividades, a valorar e respetar o seu patrimonio cultural e natural máis achegado.

Durante as xornadas nas que o espazo estaba aberto grazas ao tempo libre das voluntarias e voluntarios de Senda Nova, aproveitouse o tempo para acondicionar o espazo, limpeza, coidado da horta, apuntamentos para as actividades, e levouse a cabo un programa paralelo chamado os “Xoves de Filme”, no cal todos os xoves ás 19:00h se proxectaba un filme ou un documentario, de diferentes temáticas (sociais, ambientais, culturais…) tratando de darlle visibilidade a pequenas producións feitas por asociacións, colectivos, etc que tratan temas moi interesantes sobre o noso patrimonio máis achegado, e as problemáticas do mesmo.

Xa dende o ano pasado se viñan realizando actividades de horta no Espazo, fomentadas polas rapazas e rapaces da Escola Ambiental de Senda Nova, e este ano víronse ampliadas xa que aparte da horta exterior que seguimos mantendo, instalamos un invernadoiro no cal a parte de cultivos, utilízase como viveiro de árbores autóctonas, que despois serán transplantadas aos lugares nas que se precisen, no Día da Árbore que celebramos en marzo, e que este ano tivo lugar no Espazo da Natureza de Oza, no cal diversos escolares da zona que levaban dende comezos de curso plantando landras e castañas, trouxeron as pequenas árbores para o viveiro, no cal seguirán medrando até que teñan o tamaño axeitado para ir para os seus lugares definitivos.

dia da arbore 18 3

O Espazo da Natureza serviu tamén para levar a cabo presentacións de programas de actividades e presentación de proxectos da entidade como o primeiro número da nosa revista: Abrindo Camiño, ou o primeiro filme realizado por Senda Nova: “Hoxe quen baila?”,  así como lugar de xuntanzas organizativas e asembleas, non só da nosa entidade se non tamén de outras como a Plataforma en Defensa do Monte Neme, a Asociación Galega de Apicultura, etc e de actividades organizadas por eles , e de outras como a asociación Torre Vixía de Oza que celebrou a súa tradicional Festa do Cachelo, os cursos de apicultura de Aga entre outras. Tamén serviu de punto de encontro para a presentación de interesantes e vitales proxectos como o de Sermos O Diario Galego que viñemos acollendo a pasada semana., ou o encontro con activistas con Martin Hutchinson.

É lugar de encontros, de cafés, de risas, de anécdotas, sobre todo nas festas como o magosto que realizamos no outono, as comidas de confraternización con socixs e amigxs da entidade , foliadas etc.

Pechamos o ano de actividades, gozando máis que nunca das instalacións exteriores do Espazo, que nos somerxen nun mar de cheiros de árbores, sons de paxaros cantando, bolboretas tinguindo de cores o prado, e sobre todo observando, sentindo e aprendendo, nos Obradoiros de Observación e Convivencia dos cales tanto os pequenos da Escola Ambiental coma as monitoras e monitores gozamos en cada xornada.

É tempo de reflexionar e facer balance do vivido, pero tamén de pensar nos novos propósitos e proxectos de cara ao ano que ven, as melloras do espazo nas que hai que traballar, e sobre todo seguir esforzándose por dinamizar o espazo e tentar sumar para que o noso rural siga a ter actividade, e que a escoliña , xa que agora mesmo non é escola, siga medrando cos berros, cos brincos, cos sorrisos… dxs nenxs.

Martin&Starski cos nenos da Escola Ambiental