Fina un 2016 de auténtica consolidación. De aniversario dos dez anos de existencia. De andaina abrindo corredoira entre silvas, lama e toxos, cando andar polo monte era cousa de ben raros. Dez anos que se pechan cun esforzo consolidado a prol do patrimonio máis cercano, que se traduce nunha programación asentada con máis actividades abertas que semanas ten o ano.
Esta década permitiunos comezar, e tamén interpretar cal pensamos que é o camiño correcto. Crer na utopía e aprender a sacar folgos, ilusión e forzas cando a senda parece impracticable.
Aprendemos un pouco a rir, a gozar, a sufrir, e a buscar recompensa a un traballo constante e terco nas verbas dun neno, quizá dun maior nunha aldea, dunha compñeira ao mellor…
A superar as conductas nocivas, a arredarse sen máis ferramenta que o leve sorriso e o paso ao lado, deixando adiantar a quen leva presa por chegar, non sabemos donde.
Péchase unha década cun recoñecemento da veciñanza de Bergantiños. Un premio Bergantiñán do Ano que recollemos con agarimo e agradecemento. Facémolo extensivo a todas cantas entidades culturais, veciñais, deportivas, administracións…atopamos no camiño, traballaron connosco e ( salvo moi contadas), mantiveron o apoio dende os principios ata agora.
ABRINDO CAMIÑO quixo xuntar en setembro a unha xeira delas na celebración do noso X aniversario. Foron unhas xornadas de mostrar o noso traballo durante estes anos e foron, sobre todo, a xuntanza perfecta para a reflexión e a decisión de que compartir recursos, formas de traballo, organización de actividades…entre entidades que compartimos un mesmo espazo xeográfico, é un dos pilares e unha das esperanzas para un noso rural que agoniza a cando as carballeiras.
O ano 10 de Senda Nova pecha con máis recursos, un teito que compartir e, coidamos, ilusións renovadas. Seguimos a precisar na andaina máis persoas. Máis compromiso e responsabilidade voluntaria na procura das metas.
Estamos seguros que o temos escondido no corazón e a ilusión desta veciñanza. Agardámolo. Agardámoste.
Bó ano a todas e todos.