Máis de medio cento de persoas clausuraron o pasado sábado a 11º edición da Escola Ambiental de Senda Nova –Concello de Carballo dende o Espazo da Natureza de Oza.
O acto tivo como protagonistas aos nenos e nenas participantes, sendo eles mesmos os que, de xeito completo, desenvolveron os actos de clausura doutras case 30 sesións desenvolvidas en oito meses de actividades semanais.
A rapazada da Escola fixo un repaso polas diferentes actividades realizadas, entre as que se atoparon excursións á Ribeira da Pena, ao Esteiro do Anllóns ou a Baldaio, entre outras.
Dentro das actividades fora do Espazo da Natureza de Oza tamén se realizaron visitas a granxas de vacas ou mesmo pernoctas ao aire libre, onde as nenas e nenos aprenderon sobre o equipo a levar en actividades de natureza, ademais de convivencia, fomentando o coñecemento do entorno, dos compañeiros/as e tamén dun/ha mesmo/a.
A meirande parte das actividades desenvolveuse nas instalacións do Espazo da Natureza de Oza e a rapazada salientou o proxecto da horta ecolóxica da Escola como o obxectivo maior dentro do conxunto de actividades. Deste xeito, dende ben cedo comezaron a construír o espazo de plantación dentro e fora do invernadoiro, sendo quen por si mesmos do cultivo de leituga, tomates, cebola, allos e pementos, ademais de plantas decorativas ou aromáticas, necesarias para dar conta de diferentes pragas. Nesta horta non se utilizaron sulfatos químicos, sendo a auga de rego de manancial.
A colleita da horta derivou, no tramo final das sesións, nas visitas á feira de Carballo, onde a rapazada conseguiu poñer á venda os excedentes da horta e deste xeito poder amosar o beneficio económico. Ademais a feira supuxo un intercambio de coñecemento e un inicio de relación entre a rapazada e a sociedade en xeral así como dos demais feirantes. Deste xeito, os nenos e nenas fixeron un estudo dos postos da feira e do lugar de procedencia das persoas así como dos produtos que venden.
Outras das actividades que realizaron foron relacionadas coa orientación, co aprendizaxe sobre megalitismo e cultura castrexa, o avistamento de aves ou obradoiros de primeiros auxilios no medio natural, a través de Protección Civil de Carballo.
Nos actos de clausura estiveron presentes as familias dos nenos e nenas así como membros de Senda Nova e o propio Concello de Carballo, colaborador do proxecto.