Varios centos de meigas voltaron ao Monte Neme para ateigar a Eira das Meigas de reivindicación a prol dos valores ecolóxicos, culturais e sociais.
Abriron os actos Xan M Fraga e Xan X. Fernández. Os historiadores afondaron nos valores culturais do Monte Neme, facendo un percorrido polo patrimonio inmaterial dun espazo degradado e maltratado ao longo da historia.
Diferentes colectivos de defensa da terra como Asociación Salvemos o Val da Barcia e Monte Xalo, o Observatorio Ibérico da Minería, a Plataforma Non eólicos Campelo, Bustelo e Monte Toural ou a Asociación Ambiental Senda Nova participaron na lectura de comunicados. A estas uníronse colectivos moi diferentes como a Comunidade de Montes de Oza, o Casino 1889, a Escola do Alprende, a AD Media Ducia, a AC San Campio de Cances ou mesmo o colectivo cultural Aquelarres Literarios.
Xa de noite e pasadas as 23 h, a comitiva de meigas, encabezada pola coñecida actriz Isabel Risco e meigas vidas voando dende Cerceda, terra de Xallas, A Coruña, Cabana de Bergantiños, Coristanco e Malpica de Bergantiños, iniciaron o ascenso ao mítico círculo lítico acompañadas de fachos acesos e dunha acompasada percusión que seguiu despois da entrada de todas as meigas na Eira.
Isabel Risco, ben coñecida polo seu posicionamento a prol da terra, foi mestra de cerimonias e dinamizadora na presentación das entidade. Exerceu tamén de representante das meigas na propia Eira, cunha intervención animada, reivindicativa e chea de forza e optimismo, que envolveu a actuación das demais meigas, facendo latexar con forza un cromlech que se vestiu de gala para a ocasión.
A Escola do Alprende e numerosos gaiteiros, bailadores e pandereteiras, animaron a festa posterior ata a entrada do seguinte día, no que se correspondeu cunha velada debaixo dunhas estrelas do Monte Neme que acompañaron ás meigas para conseguir que a treboada se afastase deste monte mítico bergantiñá.
Tanto os textos como o propio Aquelarre na Eira das Meigas, xirou a prol do noso rural e o feminismo, poñendo énfase nas desfeitas ambientais que teñen que ver con parques eólicos, canteiras e deterioro de corredoiras e ríos por mor da zahorra e pasarelas de madeira que proliferan na nosa xeografía nos poucos lugares que nos quedan aínda sen deteriorar.
O Aquelarre denuncia e sinala neste caso a administracións públicas de todas as cores políticas, e tamén a empresas sen escrúpulos na desfeita. A súa vez, quixo dar pulo ao medio rural e a súa mobilización veciñal como gran valedora do territorio fronte a desfeita.
Agradecementos a todas as entidades e colectivos que acompañaron nesta noite máxica. Tamén a todos os músicos que aportaron algo tan esencial neste evento. A todas as meigas da representación teatral. A Sonpres, Interfilm Carballo, AD Media Ducia e AC San Campio de Cances, A. V. Protección Civil de Carballo e a todo o persoal voluntario da organización por demostrar que o pulo asociativo é capaz de organizarse para eventos coma este.
Parabéns a todxs vos!!
Basta xa de desteitas!!
MEDO NOS TEÑEN, SOMOS AS MEIGAS DO MONTE NEME.