O son do Anllóns era o estoupido de saída doutra Primavera en Ruta máis.
10 anos de coñecemento, conservación, posta en valor do noso patrimonio ecolóxico, cultural, paisaxístico…de recorrer as, cada ano máis escasas, corredoiras que sempre nos contan, entre suspiros, os segredos e lendas que agocha tras os seus muros desfeitos. Nós con cada paso a paso destes 10 anos intentamos valorizalas e voltar a reconstruílas con base de coñecemento e posta en valor.
O pasado domingo acompañounos o ruxir do río Anllóns e intuimos que nos daba os parabéns por cumplir o decenio e seguir no camiño da conservación.
O Pazo do Souto, os muíños de Ceide ou os de Verdes, que como todos os anos nos dan acubillo á hora da comida, a historia da Pontedona, a carballeira e a igrexa de Santa Mariña e mesmo a igrexa de Corcoesto, nos deron a benvida como ano tras ano. Templos ou tesouros da bisbarra que nos acollen e nos descubren tempos lonxanos… mesmo algúns, son capaces de mergullar ás participantes no tempo no que foron feitos e por un intre sentirte como un fidalgo no teu fermoso pazo.
Outro ano máis o tempo non acompañou para recorrer as terras que fan crecer o Anllóns, mais as participantes da andaina nunca perden o sorriso e as ganas de seguir descubrindo.
Esta X PRIMAVERA EN RUTA traeranos sorpresas, pois sempre as hai!
Pero non serían posibles sen as colaboracións de Protección Civil Carballo, Concello de Carballo, Concello da Laracha, Concello de Malpica de Bergantiños, Concello de Zas, e por suposto dxs voluntarixs de Senda Nova e da xente que está detrás e que fixo posible 10 anos de descubrimento. Gracias!
Seguimos véndonos nas corredoiras; aínda nos queda moito que manter.