Aberto e con fume foi o título da pasada proxección dos Xoves de Filme no Espazo da Natureza de Oza. O traballo, realizado por Illa Bufarda, repasou os 25 anos da Mancomunidade de Montes de Tameiga.
A parroquia do Concello de Mos sufriu e sufre as consecuencias derivadas da expansión contemporánea da cidade de Vigo. Primeiro na loita polos terreos da mesma comunidade, despois na construción da autopista e, actualmente, coa labor especulativa do proxecto dun campo de fútbol, encubrindo un gran centro comercial.
O exemplo de loita e superación permanente da comunidade veciñal veu dada por un sentimento de arraigo ao terreo e á entidade. Todo isto é contado no filme e tamén de xeito verbal. Pepe, Cao e Gonzalo encargáronse de viaxar dende a parroquia de Mos ata Oza para explicarnos de viva voz a historia da entidaentidadeide e os obstáculos que teñen que sortear . Case trinta persoas se achegaron para escoitar aos compañeiros de Mos a través dun interesantísimo faladoiro posterior a un emotivo filme.
O fútbol e as sociedades anónimas vinculadas ao mesmo, neste caso o Clube Celta, son outro dos piares na expansión dos fondos de inversión e dos centros comerciais vinculados a eles.
Sen dúbida, o Centro social as Pedriñas é o centro neurálxico da vida asociativa e comunitaria da parroquia. Un espazo con moitos equipamentos entre os que se atopa auditorio ou bar. Un lugar dinamizado que se complementa coa protección e traballo no propio monte.
A parroquia de Tameiga está aberta e con fume. Con pulo e con as ideas claras para rexeitar o progreso en forma de ogro centro comercial.
Grazas compañeiros por traernos o voso exemplo, ideas e compromiso. Grazas por traernos a vosa loita que compartimos. NON CENTRO COMERCIAL EN TAMEIGA.